Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

Non é crise política, é quebra moral

Por: | 21 de febrero de 2014

Non é unha crise política, é unha crise moral. Vivo nun país no que o partido gobernante está a ser investigado por financiamento ilegal e corrupción. Un membro da súa direción, senador e tesoureiro, facilitou probas que implican ao presidente do goberno e do seu partido, a secretaria e numerosos membros da súa direción e responsabeis politicos.Onde o Presidente da Xunta e a súa propia administración aparecen relacionados cun importante narcotraficante. Onde sabemos, por gravacións efectuadas pola policía e a xustiza, dun tecido de corrupción que implica novamente á administración autonómica e aos concellos de catro ou cinco cidades galegas...

  Vivo nun país corrupto.Iso non é alleo a ninguén de nós, unha doenza social tan estendida e contaxiosa atínxenos máis ou menos a todos. É precisa unha cura.

QUE PENSAN ARESTORA OS ELECTORES QUE VOTARON POR ESES POLÍTICOS? Que é o que pensan? E que pensan eses electores que, segundo as enquisas, volverían votalos igualmente sabendo o que agora saben sen volta?
O PEOR NON É O QUE FIXERON, o peor é a chulería con que seguen a mentirnos nos fociños. O peor é que ninguén teña pedido perdón. Pode que o descaro que mostran é porque saben que non teñen perdón.
"OS POLÍTICOS SON CORRUPTOS", hai tres ou catro anos había que combater esa idea que igualaba a todos os partidos e que era unha outra arma da dereita para desmovilizar ás persoas máis críticas. Arestora esa idea xa está tan instalada que non se pode xa combater. Por iso é máis preciso que nunca a implicación da cidadanía na política. É a cidadanía a que debe salvar a política democrática, nos partidos que sirvan para varrer a porquería. Cando desaparece a política democrática, a sociedade fica inerme ante a política autoritaria.

DÍAZ CASTRO E AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO. Cada literatura ten a súa doenza, doenzas nacionais. Sendo a sociedade galega tan débil, tan desestructurada, non existe un proxecto nacional integrador e, lóxicamente, a literatura galega ten os defectos da inmadurez: é partidaria e mesmo sectaria.
E por iso é ben recuperar a figura de Xosé María Díaz Castro, como fai nun seu libro o Armando Requeixo, pois é un poeta valioso que ficou fóra de moda e fóra de grupos. O mesmo para el que para o Aquilino Iglesia Alvariño.
NIN PARA CARLOS MASIDE temos un lugar sequera.
PETE SEEGER MORREU. Pete Seeger é unha figura senlleira na cultura norteamericana e, inevitábelmente, da cultura europea. Era máis que un devoto da música popular e que un artista, era un referente moral.

Vou maior como para sospeitar de todo e de calquera, tamén dun home que se transformou nunha icona de decencia moral, mais..., quero acreditar nese home que morreu de vello conseguindo ser novo. Non dou aceptado que non existan cousas e persoas admirabeis. Pódese aceptar o maxisterio do Peter Seeger.
DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN DAS MULLERES. O dereito das mulleres a poder abortar, o dereito ao seu corpo, é o dereito a autodeterminarse. Iso é respecto por elas e iso é democracia.
TANTOS SIGNOS DE QUE UN SOÑO DE DÉCADAS ACABOU...É tan evidente, hai signos por todas partes. Lembro as protestas e o apoio a "Els Joglars", o encarceramento de Boadella, era unha protesta democrática na axenda da esquerda de todo o estado. Pasaron as décadas e aí os están en Madrid, chamados por Esperanza Aguirre. Tantos signos da decadencia e do camiño cego ao que chegamos

LEIS DE ODIO, LEIS DE RABIA. Este Goberno usa a maioria absoluta para decretar leis cheas dun odio xordo, contra as mulleres, contra o dereito a manifestarse, contra os estudantes do ensino público, contra quen non é "la gente normal, la gente como Diós manda" en general. E esa violencia que encerran esténdese e alimenta calquera semente de rabia que xa existe na sociedade.
Uns miles de estudantes protestan contra a Lei Wert e uns poucos, organizados, rebentan as manifestacións: Os militares sempre son máis rápìdos, máis organizados e poden máis que os civís. 
O MIQUEL DE PALOL é un intelixente escritor catalán. Agudo e duro para con el e con todos: "El qui passats uns anys d´exercici públic de les lletres no té un club important d`enemics, que revisi amb urgència què ha fet malament, o si tan sols la seva obra és insignificant."
Mágoa de vivir aillados uns dos outros, mágoa de non poder coñecer todo o que nos podería ofrecer ese país chamado Catalunya.

O "Incidente Garzón" tapou a amputación do parlamento galego

Por: | 13 de febrero de 2014

BALTASAR GARZÓN é todo un personaxe. Cando aparece o nome e os avatares de Garzón un nunca sabe concluír un xuízo sobre o personaxe ou sobre os seus pasos.

Vexo unha figura que ten rasgos escuros e rasgos brillantes, que fixo cousas que me desgustaron e outras das que gustei, e que sempre actuou con tanta enerxía que desencadenou trebóns. E pagouno, claro é. O que si sei é que non é un “fascista”.

  Comprendo que se pode discutir se a USC o debeu convidar ou non a falar, aínda que a min paréceme evidente que é un personaxe con moitas cousas que dicir, porén o que non se pode aceptar é que non lle permitan falar.

TRAICIÓN AO AUTOGOBERNO. Moito peor que o incidente provocado por algúns universitarios é a amputación do noso parlamento.
O vaciamento político da Galiza que leva a cabo Núñez Feijóo desde que acadou a Xunta, a traición á autonomía e ao noso autogoberno, agora acaba de dar un salto brutal. A amputación do parlamento pretende, ademais de reducir o país a unha provincia, a ocupación da Xunta pola dereita para sempre.
É A RUPTURA DO PACTO CO QUE NACEU A AUTONOMÍA. Unha corrección franquista ás reformas do Estado tras a morte de Franco.
SUÁREZ, ROSÓN..., E AGORA ESTES. Cómo contrasta Feijóo con figuras como as de Adolfo Suárez ou Antonio Rosón. Son máis franquistas estes arribistas novos que aqueles vellos franquistas que tiveron o valor de aceptar a democracia e recoñeceron a Galiza como nación. Estes, pola contra, traen fame e ansia de escalar sen escrúpulos. 
A AMPUTACIÓN DO PARLAMENTO, cambiar as normas básicas sen consenso, tamén é a consagración da mala fe e da indecencia na vida política.

EXPLOSIÓN DA OPOSICIÓN. Agora que a oposición tamén lle ofrece gustosamente a súa cabeza. A imaxe na que fica retratada a oposición é a dunha deputada que marcha do seu partido criticando as súas intimidades públicamente, como non, na TVG. O espectáculo da inmadurez política levado ao límite.

   Tanto dano que lle fixo o personalismo e o narcisismo á esquerda e ao galeguismo nestes anos. Primeiro rebentou o nacionalismo galego e agora proseguen pequenas explosións encadeadas.
     Desde o seu castelo, o señor gobernador da provincia sometida sorrí ante o espectáculo.

UN MOZO PREGÚNTAME POR UN QUE SAE NUNHA TERTULIA TELEVISIVA. Un adolescente pregúntame por un home novo que sae nunha tertulia dunha televisión española, acadou fama debido a iso e posteriormente a través da Rede. Manten un discurso anticapitalista e comprobo que ten éxito de comunicación entre a mocedade.

  Como non vexo ese programa nin o ouvín non lle sei opinar, dígolle que probábelmente estea de acordo coas súas opinións se critica o sistema capitalista e as consecuencias da política imposta polos mercados financieiros.
LEVAN DE AQUÍ TODO, TAMÉN OS VOTOS. Únicamente lle fago ver que el coñece iso a través de medios de comunicación radicados en Madrid e que por iso ese personaxe é agora unha referencia para el e para outros mozos do seu tempo.

   Fágolle ver que na Galiza as voces propias que din o mesmo desde aquí están afogadas e que tomando a esa figura como referencia política está a aceptar a visión do país, da sociedade, que lle impón o estado. Que ese marco ideolóxico do estado, coa súas dereitas e as súas esquerdas, é o do quilómetro cero da Puerta del Sol, desde onde pretenden suxeitar ás provincias españolas. Que eses medios de comunicación coas súas referencias dun signo ou doutro o que conseguen finalmente é consagrar a dependencia da Galiza, o expolio e mesmo, até levan os votos.
  O vaciamento do parlamento galego é consecuencia do dominio ideolóxico previo da ideoloxía madrileñista. Levan os votos dos vellos, e tamén os dos mozos. Todo para a Puerta del Sol.

ANGROIS E O METRO DE VALENCIA. Un anda de aquí para alí, fala con un e fala con outro e tantas veces xa non sabe quen lle dixo que cousa. Alguén me dixo algo que tiña moito sentido: se o accidente do metro de Valencia non fora ocultado no seu momento o do tren en Angrois seguramente non tería ocorrido.
Aquel accidente, que causou 42 mortos e 47 feridos, debera ter alarmado á sociedade e, en consecuencia, obrigado aos responsabeis de todos os camiños de ferro a revisar os protocolos e as condicións de seguridade. Mais aquel accidente foi afogado, do mesmo modo que se ocultaron accidentes previos na mesma liña, e todo o mundo seguiu relaxado.
   O PP que goberna en Valencia, grazas á súa maioría absoluta, anulou a investigación no parlamento mentres que as víctimas desaparecían dos medios de comunicación e ficaban en penumbra. Esas manobras de ocultamento ficaron ao descuberto cun programa de TV, "Salvados", e pola denuncia dos traballadores da desaparecida televisión valenciana.

  Unha outra vez vemos como hai víctimas e víctimas, o cinismo despiadado co que son tratadas as que resultan inconvenientes. Mais quen me fixo ver iso así, ten razón: aquelas víctimas seguramente teríannos aforrado estoutros 79 mortos e 140 feridos. E tantas vidas rotas.
   A política sen escrúpulos rompe a sociedade e rompe vidas.

ROSALÍA VIOLENTA. O novo libro do Pedro Feijóo, “A memoria da choiva”, vai ser un experimento curioso de varias maneiras. Unha delas é comprobar como un libro feito como literatura para un público amplo pode ter a capacidade de cambiar a idea que se ten dunha figura tan asentada como é Rosalía. O romance simplemente obríganos a ver e aceptar toda a violencia que encerran os seus versos.
   Valente e violenta Rosalía.

RITUAIS. A vella relixión foise marchando das vidas da xente. Non é que a sociedade se secularizase dun modo consciente propiamente, simplemente abandonou cousas que lle resultaron vellas e inútiles. Porén, nesas vidas faltan cousas, hai un oco.
      Aos poucos vanse creando novos ritos. As primeiras vodas civís foron un acto puramente administrativo, con toda a friaxe da burocracia, porén hoxe xa teñen os seus ritos e van acompañadas de flores, poesías, arroz, desexos e bicos.
Mais para esoutro momento decisivo que é a morte non hai aínda ritual de despedida. É preciso. Se non serve a linguaxe dunha confesión relixiosa, a que sexa, hai que crear unha nova linguaxe e uns novos ritos, pois é preciso dicir tan grande “adeus”. Son precisas as palabras curadoras.
     Dun xeito ou doutro, con curas ou sen eles, con deuses ou sen eles, precisamos algunha forma de relixión. Porque disto é do que estamos a falar.

SARTRE E CAMUS, CAMUS E SARTRE. Debo aceptar que nunca gustei de Sartre, lino antes de saber del e, aínda que no seu momento acepteino como unha referencia intelectual establecida nunca puiden partillar a súa visión do mundo e da condición humana. Pareceume unha argumentación e unha estetización da amargura, algo moi particular, persoal, subxectivo mais por debaixo sempre me desgustou esa pretensión de limitar a vida desa maneira, encerrándoa nunha garrafa de fel.
AÍNDA QUE NON CONCORDE COS FILÓSOFOS, teño o convencimento de que para comprender de vez unha obra de pensamento hai que ler eses textos e tamén coñecer quen os escribe.
O CASO É QUE TAMPOUCO PODO ACEPTAR SEN MÁIS A FIGURA QUE NOS CHEGA DO CAMUS. Entendo que as simpatías que recibe nesta España tan de dereitas son interesadas e veñen de que, en canto Sartre tomou posicións marcadamente de esquerdas, Camus aparece nun plano ético e, tamén, nun espazo político liberal conservador.

    A diferenza da miña mocedade xa non teño certidumes, esquecín o que sabía, e non sei dicir quen leva máis razón dos dous.
    O que tamén me parece é que escenificaron un enfrontamento no que aparecían como figuras contrapostas, con dúas orixes sociais e dous modelos de intelectual ben distintos, e que ambos estaban moi do seu gusto en cada un seu papel.

 

Hai que varrer

Por: | 08 de febrero de 2014

A PIRÁMIDE DE MERDA: A "Gürtel", a corrupción de toda a dereita e en particular do seu principal partido e do Goberno mesmo ...E agora o monte de merda que son a transcripción das escoitas telefónicas da operación "Pokemon" fai evidente que é preciso varrer a vida pública e apartar da política a tanta persoa indigna.
NON PODE SER QUE ACEPTEMOS que a normalidade consiste en ser un delincuente. A máis da xente non é tal, a sociedade non é tan vil. Non podemos deixar que nos luxen a todos coas súas miserias.NON ACEPTAMOS QUE NOS IMPOÑAN QUE A MORAL SOCIAL SEXA A INMORALIDADE. OS QUE NON TEÑEN VERGOÑA fannos sentir a nós vergoña. Vergoña de ser dun país con eses gobernantes.

O QUE ESTAMOS A VIVIR É UNHA PURGA, E TODO O XUDRE SAE PARA FÓRA. Ademais dunha crise utilizada para destrozar a sociedade segundo a conveniencia dunha minoría, ademais dunha cirurxía sen anestesia, é unha purga. Comparece un membro da Casa Real perante un tribunal por delitos ou faltas económicas. EStán implicados en faltas semellantes o Presidente, membros do seu goberno e dirixentes do seu partido, o presidente do Consejo de Estado... Toda autoridade desautorizada. Son o espello dunha sociedade sen valores.

UNHA VASOIRA ENORME de xesta brava é precisa para varrer a podredume evidente desta xente. 

E NAS NOSAS CIDADES, unha rede de indignidade conecta a unhas cidades con outras. Lugo, Ourense, Santiago, A Coruña (alí temen o que está por vir e manobran por quitarlle o caso á xuíza de Lugo: xogar na casa ten máis avantaxes).

ENCHEN DE VERGOÑA O NOSO PAÍS. E enchen de vergoña o meu Santiago. Eles, que non teñen vergoña.


UN MEIGALLO SOBRE SANTIAGO.
ALGUÉN LLE FIXO UN MEIGALLO A COMPOSTELA, hai tres anos o PP escolleu como candidato a alcalde a Gerardo Conde Roa. Era unha elección incomprensíbel, toda a cidade sabía das súas dificultades persoais e económicas: foi unha elección absolutamente irresponsábel.Se saía alcalde condenaba á cidade á incertidume e a un cataclismo en calquera momento. Así foi. Meses antes das eleccións municipais Conde Roa algúns medios de comunicación,non todos, informan de que está a ser investigado por Hacienda por delitos económicos. Unha semana antes das eleccións a súa man dereita celebra anticipadamente a victoria e fica inconsciente a bordo dun automóbil, parado no medio da estrada. Malia todo iso, unha semana despois Conde Roa sae elexido alcalde. Que pensaban os meus concidadáns no momento no que escollían a súa papeleta electoral?
E INMEDIATAMENTE,UNHA SEMANA DESPOIS, DESAPARECE O "CODEX CALIXTINUS". Un feito rocambolesco que se vai prolongar durante un ano enteiro, mentres os santiagueses fomos sendo informados por "radio macuto", como nos peores tempos, de todo tipo de disparates económicos e eróticos relacionados coa venerábel catedral.
FALTA O NENO XESÚS do Belén na praza do Obradoiro: non pararán de ocorrer cousas chuscas.
CONDE RODA É APARTADO DA ALCALDÍA pola forza da xustiza, detrás del fica un grupo municipal dividido e enfrontado a morte. Semellante desfeita págaa a cidade.
APARECE O CÓDICE, e "o electricista" e mais o deán.
E NA VÉSPERA DO DÍA NACIONAL DA GALIZA, NA VÉSPERA DO APÓSTOL: un tráxico tren trae morte e non dá tregua.
E AÍNDA TIVEMOS QUE PERDER UNHA MENIÑA levada polo crime máis noxento.
A CIDADE PRECISA UN EXORCISMO OU QUE VEÑA UN MENCIÑEIRO SANADOR.
QUE XENTE É ESTA QUE TEN OCUPADO O CONCELLO? Como chamarlle a esas persoas agrupadas en dous bandos que se matan entre eles sen que lles importe a cidade? Un bando faise coa alcaldía, o outro ameaza con suicidarse (non o fan, non teñen palabra tampouco).
CORRUPCIÓN, PUFOS, PERSECUCIÓN DE FUNCIONARIOS E TRABALLADORES...A cidade non importa, eles están no poleiro, mándanse navalladas entre eles, túrranse polos cabelos, e no medio están os funcionarios atrapados nesa loucura. Os traballadores do concello e a cidade toda a mercede dunha cuadrilla.
NIN SEQUERA QUEN VOTOU POR ESA CANDIDATURA MERECE o que lle ocorre a Santiago. Nunca a cidade viviu algo así e non temos por que aturalo.

 

MORREU PEPÍN. Quen morre deixando atrás tanta amizade non acaba de marchar de vez, permanece entre tanto deudo e remanece nos xestos de cada día.

Pepín Baldomir remanece nos mestres que queren aos alumnos, nos que están orgullosos da profesión, nos militantes desta lingua que pide militancia para respirar, nos momentos en que alguén se indigna por unha inxustiza.

Tamén cando o Celta ou o Compostela meten un gol, cando alguén celebra que está vivo e bebe con xeito un grolo de viño ou unha cervexa "1906". Os seus amigos despiden a Pepín porque el foise con vento fresco.
ISO SI, A ORFANDADE é sentir friaxe. Antes de marcharmos cómpre deixar a casa abastada de leña porque deixamos frío atrás nosa.Pepín deixou leña e o lume aceso. Boa viaxe.

Botella ao mar (febreiro 2014)

Por: | 02 de febrero de 2014

COMECEI A ESCRIBIR “BOTELHAS AO MAR” haberá xa uns quince anos. Daquela a Rede case non era rede ningunha, máis ben era un vacío. Escribín porque non me calase quen o pretendía. Conseguírono, non me quero enganar. Volvin escribir logo estas garrafiñas de palabras nas páxinas da edición para Galicia deste xornal, mentres duraron.

Agora volvo deitar aquí, fóra do papel, estas consideracións (que nunca chegan a epifanías). Por que o fago? Supoño que por non estar calado, por dicir que un aínda existe. E tamén porque levo toda a vida a falar co meu país, a porfiar coa Galicia porque sexa Galiza un día. A falar contra esa parede. Cansei, valeu de cousa algunha? Bufff, é unha pregunta ben complicada.

DE ONDE VEN ESA OBSESIÓN, sempre a falar da Galicia, da Galiza, que se transmite como un virus xeración tras xeración de intelectuais? Dunha ferida que non cerra, do mesmo lugar de onde lle naceron a Rosalía tantos poemas de reflexión e de rabia.

ESCRIBO CON MÚSICA. Que conexións neuronais, que fai a música en nós que nos axuda a reorganizar o pensamento.

JESÚS BAL GAI: a escoitar a súa “Oda a D. Quijote” (Orquestra Sinfonieta de Vigo. Dir: Joám Trillo). Bal i Gai e tantos outros que perdemos. Así e todo, se désemos xuntado a tanta xente que perdemos para nós repartida polo mundo, que nación tan xeitosa non habiamos dar.

“EL QUIJOTE”: un libro, e un autor, que a España tería esquecido e que foi recuperado pola crítica inglesa e alemana finalmente deu nun fetiche da identidade e do nacionalismo español. Que difícil nos resulta escribir sobre ese libro e ese autor tan dignos de seren considerados escapando de esa trampa ideolóxica.

MIRCEA ELIADE seique (non sei lembrar agora de onde tirei esta cita) utilizou para a Galicia o concepto de “ fósil cultural dentro da Europa”. Érao nos anos cincuenta, aínda que os fillos do país eran levados polo mundo adiante nunha onda do seu tempo, a emigración como man de obra para os centros industriais da América. Os galegos non eran distintos de tantos outros europeos da periferia e sobrevivían formando parte dos ciclos económicos e demográficos do seu tempo. Porén, é certo tamén que o país pervivía no atraso histórico e por iso gardaba a rentes da terra xoias arcaicas ás que xa non se lle daba aprezo e que eran unha incómoda carga para o que precisabamos, “prosperar”.

O MIRCEA SABÍA desas cousas máis antigas e vellas, cousas sen prestixio ningún. Sabía de crenzas e relixións, sabía da alma do “antrophos” e das súas ansias. Un animal que precisa ter puntos de referencia, que recoñece que o tempo e o espazo non son homoxéneos nin uniformes, que precisa discontinuidades e momentos e lugares significativos. Que encontra na natureza lugares máxicos e sagrados.

TODO O CONTRARIO DA LÓXICA DOS MERCADOS ACTUAIS e das multinacionais, dos aeroportos e grandes superficies. Esas que negan que exista un día distinto de outro e negan o descanso dominical, esas que pretenden que todo o ano sexa día de consumo.

ASÍ FIXO UN GOBERNO DA REGENTE MARÍA CRISTINA, NO NOME DA RAZÓN. A súa razón. Así despezou o vello Reino e disolveuno entre provincias españolas suxeitas desde Madrid. O estado soñado debía de ser o envase da nación, e a nación un espazo uniforme e homoxéneo segundo as leis da corte. Esa ansia de sometemento e dominio expresouno aínda hai ben pouco Aznar argumentado o absurdo trazado dos camiños de ferro do AVE centralizados en Madrid, o quilómetro cero da Puerta del Sol: serían tirantes de aceiro para suxeitar España.

TIRANTES DE ACEIRO DE IDEOLOXÍA. Feitos de ideoloxía, eses son os tirantes que suxeitan con maís dureza, van dentro de cada un de nós. A ideoloxía do estado interiorizada como “o natural”, “o espazo normal”.

SE CONVERSANDO CON ALGUÉN lle dis “se eu vivise en Madrid votaría a tal partido” pódeche contestar, “pero ese partido tamén se presenta aquí”. Non hai nada que discutir, ten razón. A razón de quen vive dentro dun espazo homoxéneo, o das provincias madrileñas, o da rexente María Cristina.

Eu gusto doutros espazos que me teñen outro sabor.

A ALICE MUNRO. O PREMIO NOBEL deste ano foi para a Alice Munro, unha escritora para adorar e para envexar. Falábase da candidatura do Philip Roth, eu propio desexáballo, nin sequera os mestres viven eternamente, mais deume máis alegría que llo desen a Munro, unha escritora única que obtén a súa forza dun lugar para min descoñecido e que só podo intuír: o lugar de ser muller.

A súa sabiduría é íntima e fértil. A de Philip Roth, e a da maioría dos escritores varóns, é unha sabiduría dura e amarga como pedra. Ben sei que isto tamén é un tópico, mais lendo a Munro un acredita en que as mulleres saben cousas que non teñen forma claro. E que os homes teimamos en pórlle nome. O que fixeron Yahvé e mais Adán cos animais e plantas. Quen dos dous lle puxo o nome a Eva? (Déixen que mire no “Xénese”… Foi o Adán, tras seren expulsos do Paraíso).

ISO TAMÉN, MARGARET ATWOOD, outra gran escritora canadiana, xa sabe que o Nobel non lle tocará a ela. É o que ten o Nóbel, é un premio case sempre sorprendente, outórgase pola obra e tamén pola nacionalidade, o grupo étnico, o xénero, a causa…

UN NÓBEL GALEGO? Bufff. O que fixo algúns anos a Asociación de Escritores en Lingua Galega de propor un candidato é un xesto cara adentro cun destino máis imposíbel que improbábel. Hai anos mesmo teñen sido presentadas dúas candidaturas galegas, naturalmente en van. A lingua galega é unha lingua sen estado e sen administración que a protexa e garante a súa existencia, e a literatura galega é unha literatura sen un país detrás. 

UN NÓBEL CATALÁN. Os cataláns son serios en todo  e levan traballando esa candidatura desde hai décadas. Hai uns anos cheguei a coñecer a tres escritores nesa lingua dos que apresentaran candidatura.E cando premien a algún escritor catalán ha ser pola súa obra e, tamén, na categoría de "pequenas nacións europeas" ou "novos estados europeos" ou algo polo estilo.

SUFRIDO PORTUGAL. O que están a sufrir os irmáns portugueses, sofren a especulación financieira e tamén sofren a historia dunha nación xerárquica e clasista. Un clasismo fedento que se mostra ridículo e sinistro nos seus ceremoniais.

 

E agora vai un pequeno experimento, comprobar o efecto do paso do tempo sobre textos nacidos en relación cun momento determinado: paga a pena lelos ou padecen tanto que son a desconsiderar? O que vai a continuación escribino no mes de Setembro, van alá catro meses, coa idea de subilos a este blog. A ver que lles parece.

ESTE VERÁN CHEGOU UN TREN CARGADO DE MORTES, as máis delas eran evitabeis. Cando se tomaron as decisións sobre a construción do camiño de ferro na entrada a Santiago ninguén pretendeu nin imaxinou tanta desgracia, nin os enxeñeiros nin os responsabeis da empresa “Adif”.

As características da vía nese lugar foron aprobadas entre as doutros lugares e nun día como outro calquera, seguramente ese día quen tomou esa decisión fixo as cousas comúns de todos os días e non marchou a casa a matinar no que fixera. A rutina, o costume de facer trapalladas a cotío, a fatiga de tratar con eses galegos que sempre están a chorimicar que se non nos dan isto e aquilo, a cotianeidade dos días...Hai tanta distancia entre ese día calquera no que se tomou esa decisión insignificante para quen o fixo e o que aconteceu antes de dous anos. A vida, como ela é.

OUTRAS MORTES NON SON EVITABEIS, porque a morte non é evitábel. A morte é o máis verdadeiro da vida. E así marcharon tamén amigos como Rosalía Mera ou Seamus Heaney.

A POSTERIDADE de Seamus Heaney, a obra, os premios. Os premios só serven a que estás vivo; logo, de qué. En canto está vivo o escritor un premio serve para que a súa obra sexa máis atendida e lida, engorda a súa posteridade.

E de que lle val realmente ao autor a posteridade logo de que morre? De cousa ningunha, morreu e xa. A procura de posteridade é un intento de lanzar a obra e a memoria de un, a presenza fantasmal, cara o futuro. É querer facerlle trampas á vida, porén a vida non se deixa enganar e tampouco non te absolve de estar morto.

Fican os poemas, é. Mais que mágoa que morrese o Seamus.

AS CINZAS OLÍMPICAS da candidatura madrileña deixan atrás imaxes chuscas e tamén salagres, nunca é doce ningunha derrota, nin sequera a dos que un considera contrarios. Tamén deixa moitos motivos para a reflexión, un deles é até que punto viven nunha bocha de ignorancia algúns dirixentes dese mundo de poderes madrileñistas. Sorprende a dimensión da súa ignorancia.

E O OBAMA, resultou o que tiña que resultar, un outro servidor do imperio militar e económico como os seus antecesores.

Non se me ocorre o que, mais estou certo de que os panexiristas dese “gran país democrático que reparte democracia polo mundo e nos salva, pobriños de nós” xa estarán a discorrer algunha explicación para xustificar a pretensión de atacar a Siria.

Foi lástima que ese anxo da democracia que tutela o mundo, ademais de ter tutelado a Sukarno, Pinochet, Videla e todo canto dictador e torturador andou por aí tivese tomado tamén baixo a súa protección a Franco. Unha pouca axuda das “potencias democráticas” tras a II Guerra Mundial tería permitido tirar abaixo con aquel réxime e aforrarnos unhas décadas de miseria económica e moral. Resulta que hai tiranos malos, como El Asad, e hainos bos. Hai rexímenes criminais e outros "bos", como o de Arabia Saudí ou Israel.

MARGARETHE VON TROTTA é unha interesante realizadora alemana que pode ir facendo unha obra na que reflexiona sobre a historia alemana recente e remota, sempre cos ollos dunha muller e a través de personaxes femininos. Na España non o podería facer, non só pola crise da industria cinematográfica senón por todo un contexto mesto que culpabiliza a reflexión e a crítica política, sobre todo a autocrítica.

Non puiden ver aínda a súa “Hanna Arendt” pois a miña cidade na que eu vivo xa non ten propiamente cinema, ese invento do século pasado que aquí xa esmoreceu de vez. Hanna Arendt é invocada en van adoito e o seu nome serve para introducir unha nota “culta”, mais ela era unha intelectual comprometida e combativa. Gustaría eu de saber o que había dicir deste Obama e mais de todo o que representa dentro e fóra dese país na que ela se sentiu acollida cando deu fuxido desta Europa, que era entón un continente criminal.

DE MARIO VARGAS LLOSA E DUN NOVO LIBRO SEU. Penso que a Mario non lle fai favor ningún tanto respaldo e poder como conseguiu. Sen dúbida os premios, recoñecementos e espazo mediático consegue un amplo público para os seus libros, porén tanto poder impide a lectura con ollos limpos da súa obra. Tanto ruido e trompeta impide ouvir e ver.

E quixera dicir que é unha obra moi interesante que só se comprende de vez cando se lle relaciona co autor. Unha obra que trata de diversos modos sobre a identidade persoal do autor, o conxunto da súa obra literaria é, como toda obra literaria, unha confesión autobiográfica e resulta dramática e pode que tráxica. Teño sido crítico ben veces con algunhas das opinións políticas do autor, mais o percurso da súa obra literaria ten unha coherencia e un sentido profundos. Contan unha historia, a historia dun home escindido sen solución.

Así e todo, tamén aviso, non penso comprar polo de agora este novo libro que agora me venden. Máis adiante xa veremos.

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal