Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

Nacionalismo galego, Putin, libro dixital, Sayago e Unamuno

Por: | 28 de marzo de 2014

O galeguismo político capaz a gobernar este país, tan necesario como improbábel. Pensaba eu escribir unha reflexión sobre unha cousa así, mais o Xulio Ríos escribiu "O NACIONALISMO GALEGO EN CRISE". É o espectáculo que contempla a sociedade galega, xustamente cando máis precisa unha forza política propia que a defenda da extinción. Subscribo absolutamente a súa reflexión e as súas conclusións.

Beber veneno? É posíbel que ninguén sexa procesado? Que ninguén cese no seu cargo? É posíbel, que se saiba polo de agora non lle tivo consecuencias a ninguén. Por que vai ocorrer agora o que non ocorreu xa antes.


Os nosos amos din que Putin é moi malo. Derrocar pola forza ao goberno elexido nas urnas en Ucrania, estivo ben e EE.UU. e Alemaña e todos os seus súbditos recoñeceron de inmediato ao novo goberno golpista. Mais o referéndum da Crimea, onde votou a populación, iso está mal, Putin. Iso é ilegal. Quen o di? Os nosos amos e nós, que recibimos as ordes a través dos medios de comunicación, aceptamos o que din os amos.


Sobre o libro dixital. Até hai un ano ou dous aínda lle oía a alguén dicir, "para min o libro ten que ser en papel, encántame o cheiro do papel do libro, tocalo..." Agora xa non o oio dicir, e penso que é porque quen dicía cousas así simplemente non comprou libro ningún no último ano, deixou de comprar, e de ler, libros. Iso está a acontecer.
      Nunca compartín ese fetichismo do libro de papel. Hai tempo que deixei de escribir, e de recibir, cartas polo correo postal, e constatando a existencia do libro dixital estou aberto a consideralo. Aínda máis, sei que é inevitábel, non ten volta atrás. Agora que...Non é o mesmo.


Non é fetichismo do libro en papel,é precisamente a reflexión sobre a experiencia de ler libro dixital.A cada vez que chega un invento novo consideramos as cualidades do novo invento e ninguén nos advirte sobre o prezo que pagamos a cambio, sobre as cousas que perdemos. Coa chegada do libro dixital vanse moitas cousas, desde logo as librarías cos seus libreiros: as librarías son un lugar de civilidade, de encontro entre persoas que gustan da cultura escrita. Non falo de como lle afecta ás empresas editoriais e, permitan que o diga, aos autores dos libros.
   O texto dixital é o texto desencarnado, puro, e iso ten avantaxes indudabeis, desde a economía até a portabilidade, cabe unha biblioteca nun trebello dixital a un prezo moi asequíbel (Non falo de que se pode "piratear" de balde).Mais que pode facer un que gusta de "sachar" no libro, que gusta de suliñar, de escribir nos bordos do texto, de facer marcas nas páxinas para logo poder guiarse por elas e voltar atrás agora e dentro dun ano ou dous cando queira repasar ese texto xa traballado. Que sufrimento de lector cando un repara nunha oración que resume unha verdade, nun parágrafo maxistral e sabe que debe seguir adiante sen máis, como se o texto fose homoxéneo, unha corrente de auga toda igual á nosa vista. E que perda cando o contido dun libro se resume nese texto desencarnado e homoxéneo, transparente, e deixa de ser "algo", unha cousa. Os lectores de libros deixaremos de existir, é un pequeno cambio antropolóxico na historia da civilización, non é algo que lle deba preocupar a unha humanidade que sofre males, nun tempo no que volve haber fame e necesitade entre nós mentres os poderosos están máis rufos. Non é algo tan importante, mais...


Cando andaba a escribir "Sete palabras" busquei polo que escribira Unamuno sobre as terras de Sayago, soubera que andar por alí e que escribira en prensa sobre as súas andanzas e non achei cousa ningunha. Agora, cinco ou seis anos despois, encontreino: "Viajes y paisajes" ("La línea del horizonte editores"). Escribiu o seguinte: "Fuimos a Fermoselle desde Zamora, atravesando la mísera tierra de Sayago, llena de calvicies, entre enclenques robles". Sendo estrictos dedicoulle once palabras a Sayago.


Sempre lle tiven antipatía a Unamuno, non o oculto. Sen lle deixar de recoñecer nunca a súa intelixencia aguda,lúcida, a súa orixinalidade, os seus acertos retóricos..., mais non aturo á xente "importante" e Unamuno dinos todo o tempo que é importante, mesmo que é a única persoa importante. Ten as características do artista ou do intelectual, a egolatría e a impostura, na súa máxima potencia; tan máxima que non o aturo.
Sayago é invisíbel para el, un territorio efectivamente pobrísimo. E con todo, existe. É algo máis que unha "Comala" para que un escritor imaxine fantasmas, é un lugar onde viven persoas e ten a dignidade da pobreza dos pastores e dos campesiños pobres. E a beleza dos versos dun poeta chamado Justo Alejo.


Unamuno cantoulle ás belezas teatrais e de grandes dimensións, preferíbelmente históricas e imperiais, non tiña ollos para a vida dos humildes. O caso é que non perdín nada non dando antes co que escribira sobre esa terra á que eu lle quero e el non.


E xa no falo da súa frivolidade e irresponsabilidade como intelectual, do dano que lle fixo á República. O seu final confuso, a mascarada co noso paisano Millán Astray encubriu os seus pasos previos.

Suárez, demografía, escritores e policías

Por: | 21 de marzo de 2014

EU ESTIVEN CONTRA ADOLFO SUÁREZ cando foi Presidente, fun militante da esquerda galeguista de modo que coa modestia que queiran combatín a Suárez con todo o militantismo que poden imaxinar.
Anos despois, xa Suárez era unha fantasma, puiden enxergar a súa figura con distancia e caer na conta de que aquel individuo que fora calificado como “tahur do Misisipi” era ben máis legal que a maioría dos seus oponentes. E, mantendo a distancia coas súas posicións políticas, máis tarde aínda puiden comprender o que se xogou a democracia española na súa liquidación política, hai uns anos publiquei xa non lembro onde un artigo, “Saudade de Adolfo Suárez”, (recollino nun volume, “Outra idea de España”) e non hai moito volvín escribir o que penso desa figura en “Ausencia y presencia de Adolfo Suárez”.


ALGUÉN LEMBRA O CAMPO GALEGO? No primeiro terzo do século o galeguismo republicano, e calquera que tivese ollos e vise, sabía que a agricultura tiña que ser unha base para un desenvolvemento industrial e social do noso país. O mesmo sabía o nacionalismo galego antifranquista e posfranquista, oinlle entón novamente a Camilo Nogueira aquilo que dicía Castelao: “A Galiza podía ser Dinamarca”. Houbo protestas de campesiños a prol das súas reivindicacións e todo o país sabía que non se trataba únicamente de protestas sindicais, na agricultura e o campo en conxunto estaba gran parte dun futuro posíbel.

   Hoxe a quen lle importa o campo?: non sae nas noticias. O Goberno, co apoio desta Xunta de Feijóo, asígnalle aos nosos gandeiros o 3´2 % das axudas europeas. A quen lle importa?


A XUNTA FALA AGORA DUN DESASTRE DEMOGRÁFICO. E por que será? A Galiza perdeu tres millóns de persoas nun século, a causa: a dependencia. A nosa historia é un desastre político, un desastre económico e, consecuentemente, un desastre social e demográfico.


E SEGUIMOS A SER OS CAMPIÓNS en vérmonos obrigados a coller a maleta.Todo é que sigamos facendo as mesmas cousas que fixemos andar polo mesmo camiño, outro mozo que emigra, outra moza que marcha, outro paso adiante nun país que dimite de ser. 


E CAL É A RECEITA DESTE GOBERNO? Mandar á policía. Esa é a súa política para todo, criminalizar aos afectados por calquera cousa e aos que protestan ou disintan. Mamárono e mais vailles no ADN.


AÍ ESTÁ O DELEGADO DO GOBERNO, o señor Juárez, a criminalizar ao nacionalismo galego e, particularmente, ao BNG (que é o demo).


E FALA TAMÉN pola boca dun sindicato policial. O portavoz do SUP aquí a pasada semana dixo o que non se pode dicir, e menos a policía. 

E se a policía xa se identifica con este Goberno, daquela para que quere un sindicato? 

NINGÚN GOBERNO LLE FIXO TANTO DANO Á POLICÍA como este. A imaxe da Garda Civil e da policía peor que nunca: identificada cos antidisturbios, coas cargas e coas identificacións arbitrarias…

   Os "camorristas" están no goberno, na banca e nas empresas especuladoras. Non na rúa.

O RACISMO cara o interior do nacionalismo español non ten pudor nin límites. 


HAI UNS DÍAS RECIBÍN UNHA CARTA, houbo un tempo no que escribir e recibir cartas era algo común, nesta altura cando alguén escribe unha carta e faino a man é algo significativo, é un xesto. Fun gardala nun cartafol a rebentar de papeis, naquel tempo gardaba correspondencia e daquel tempo fica esa desorde de papeis. Repasei algúns sobres, algunhas letras de persoas que me escribiron no curso de décadas. Non lembraba que me escribiran tantas persoas, mesmo esquecín quen son algunhas delas, algúns remitentes xa non están aquí, unha lembranza fuxidía, pasan os anos…
Tanto ten o que digan eses papeis enviados a aquela persoa que fun e que agora son e mais non son, probabelmente haxa algún desacordo, maiormente palabras amabeis e xenerosas, sei que hai palabras amigabeis de persoas que xa non son amigas e probabelmente nunca o volvamos ser (que miserábel facemos a vida innecesariamente). Tanto ten, asómbrame tanta atención cara min como hai nese monllo de papeis, é evidente que debo sentir unha cousa: gratitude, unha absoluta gratitude.


O MANUEL VEIGA escribe sobre un escritor que foi, que leva o meu nome e que el coñeceu. Mentres estamos vivos un noso deber é dar testemuño do que vemos, el asistiu á aparición dun narrador e cóntao. Realmente aquel narrador xa editara un conto e un libriño antes mais é certo que “Polaroid” fixo un retrato dun autor, un retrato movido dunha figura borrosa.
Eu acho que os trazos dese autor do que fala tiñan algo de particular, eu pola contra entendo que son os característicos dos máis dos autores que se dan a coñecer. Vexo o mesmo pulo arrechado e a mesma insolencia en autores que apareceron aquí e tamén en calquera lugar nos anos cincuenta, nos setenta e agora mesmo. É a idade, é o momento da vida, e trátase de artistas: belicosos, ególatras, ousados...Insolentes. Que lles habemos pedir, coitados.
O Manuel estaba entón alí e conta o que presenciou, e fai ben. É o que nos corresponde en canto estamos vivos, dar testemuña do que vimos.

Mariñeiros, políticos antidisturbios, ladróns e cans

Por: | 14 de marzo de 2014

Mariñeiros de Muros, mariñeiros afogados, agora todo o mar é deles.

As súas familias quérenlle dar terra tamén.
Mariñeiros enganados e estafados, para entender a frustración e a rabia da protesta mariñeira hai que saber que, ademais de ser tratados inxustamente, foron enganados. É a rabia de quen foi estafado (por Rajoy/Cañete e Feijóo/Quintana).
Mariñeiros indefensos. Eses patróns e moitos mariñeiros coidaron que o PP había defender os seus intereses, e non. A pesca vasca ten quen a defenda e negocie por eles, pois teñen partidos propios; a pesca galega púxose nas mans da dereita centralista, e así os tratan.

  Fixéronlle a eles o mesmo que lle fixeron ao campo na negociación do PAC: traizón.
Falta madurez política e logo ven a rabia.
Este é o tempo da frustración e a rabia. Un tempo que pide unha banda sonora ("Das Kapital": "Grecia")
Este é o tempo no que volven gobernar a golpes de policía e comisaría. O tempo de Rajoy e Fernández Díaz. A súa estratexia é transformar cada problema que eles mesmos crean nun conflicto "de orde pública". E entón mandan aos antidisturbios a mallar na xente.
Este é o país no que millóns de concidadáns volverían votar aos que enganaron cos mortos do atentado do 11 de Marzo en Madrid. Aos que mentían co "Prestige". Estes somos nós.
E a prensa que temos non a temos nós, téñena eles.
A resposta a aquel Goberno do "Prestige" inaugurou moitas cousas, tamén o uso da Rede para conectar xente e coordinar respostas. O manifesto de "Nunca máis" foi o primeiro experimento e a utilización do SMS foi o seguinte.

 Naturalmente esa loita democrática non forma parte da conciencia nacional española, como non o forman as loitas democráticas galegas contra o franquismo ou as catalanas, e o que vai ficar nesa memoria é a utilización do SMS en Marzo do 2004 tras aquel masacre en Madrid. España non ten remedio, a historia española é un perpetuo "2 de Mayo en Madrid".

 Pobre José I de Bonaparte, foi o único rei un pouco razonábel que tivo esa coroa e celebran a reivindicación do mamalón do Fernando VII, o que felicitaba en Baiona de Francia a Napoleón polas súas victorias fronte aos insurrectos españois. Non se sabe por que era mellor un Borbón que un Bonaparte, mais todo é un perpetuo "2 de Mayo": "¡Vivan las caenas!".
A CEOE e a patronal madrileña, aqueles capos da gran patronal española que pedían despido libre e baixar os salarios, quen ditou a política de emprego e de salarios ao Goberno, os que facían apupos a Zapatero e daban palmas a Esperanza Aguirre (“es cojonuda”), móstranse tal como son. Aquel soberbo patrón de patróns, Díaz Ferrán, está preso por estafar a uns e a outros e o patrón madrileño aí o está coas vergoñas ao ar.
E non, os ladróns non son xente honrada.
A camiñar entre mamíferos, envoltos nunha manda de bípedos e cuadrúpedos, todo alento animal, por Monte Louro. Unha experiencia que nos fai lembrar que cousa somos, mamíferos.

 

Bolsas do lixo e fútbol

Por: | 08 de marzo de 2014

 

Sobre o penoso espectáculo en que o PP convertiu a Santiago, non podería engadir nada novo ao que publiquei aquí hai dous anos. Non importa o que vemos todos, non se molestan en que vexamos o que son, é evidente que carecen da vergoña que lles levaría a demitir, pedir perdón e marchar a casa.
UN HOME CUNHA BOLSA CHEA DE LIXO. Houbo unha persoa que nalgún momento se transformou nun personaxe de comedia de enredo, Conde Roa, e que de cando en vez reaparece cunha mochila ao lombo camiño dun xulgado. Carga lixo e vaino deitar alí.
O que desmotre ese lixo xa o sabemos: financiamento ilegal dun partido, un partido ao que odia evidentemente. Por que o fai? Por un sentido sobrevido da xustiza e da legalidade? Porque lle preocupa a saúde e a imaxe do concello de Santiago co que el andou ás rastras? Simplemente por vinganza?
En calquera caso o resultado dese acarrexar merda vai ser debuxar a implicación dos dous partidos no financiamento ilegal e que a xente conclúa o que interesa aos que gobernan: “son todos iguais”. Acho que non o son. Así e todo, manda chover.

PANERO. Cada louco ten unha loucura particular e única, a de Leopoldo María Panero nace dese lugar que Chávarri retratou en “El Desencanto”. Nunha ocasión o director relatounos como o que había ser un traballo cinematográfico convencional transformouse inesperadamente nunha cousa asombrosa diante dos seus ollos.

  En calquera caso, Leopoldo María era dono da súa tolemia. O prezo ou o catigo pola lucidez é a loucura.
Aborrecía a sociedade e recluiuse nun siquiátrico mais non quería estar só, e por iso deitou fóra uns sesenta e cinco libros.

“PESCANOVA”, “PESCANUEVA”. Anos de destrucción, e non foi pola crise que foi pola cobiza e incompetencia. Houbo casos peores, as dúas caixas de aforro, porén máis triste é o caso de “Pescanova”, unha empresa que naceu do soño rexeneracionista de crear aquí un país. En que mans acabou, como dexenerou aquel ADN galeguista.
“SARGADELOS”, alá vai...Sen comentarios.
O EXPOLIO QUE NINGUÉN NOS CONTA. É inevitábel ver os destrozos sociais que están causando estas políticas da dereita españolista, non conseguen encubrilo. O que non nos contan, o que si encobren é o expolio total dos recursos económicos da Galiza.
     Iso nunca vai poder ser visto e, moito menos, contado desde a Puerta del Sol.
E O “DEPOR” TEN RAZÓN. O “Club Deportivo de La Coruña” decidiu que súa segunda camiseta levase a bandeira galega, as cores azul e branca que tamén levaron sempre o Celtiña, o Compostela e algún outro equipo galego. É unha decisión interesante e intelixente, constata a identificación social cos seus equipos.
Hai uns anos A Coruña seguia con entusiasmo a un equipo de hockey, o “Liceo Caixa”, e no fútbol o público era moi partidario do “Real Madrid”, cando o Deportivo se transformou naquel “Depor” a cidade enteira fíxose seareira do seu clube. Desprendeuse deportivamente do madrileñismo.
No noso país o fútbol vai moito por diante da política, na política este país segue a ser moi seguidor dos equipos madrileños. E dese xeito nunca trouxo nada para casa, todo foi para fóra.suso

70 ANOS “SEMPRE EN GALIZA”. Hai setenta anos publicouse un libro exilado, “Sempre en Galiza”. Leva un título absolutamente paradóxico, foi escrito en Extremadura, Madrid, Valencia, Francia, cruzando o Atlántico, Cuba, EE.UU., Uruguay e Arxentina. E é que a Galiza é unha nación que nunca deu tido asento aquí, e segue no exilio. Até que a deamos traído.
MAIS VEU O SOL, é de celebrar esta caricia morna. Este soliño que te conduce discretamente, que te fai asubiar mentres enredas noutras cousas.
“PHILOMENA”, un fime que debera ver o Papa. E toda a xente que lexisla sobre a vida das mulleres sen escoitalas.

  Non é para intelectuais exquisitos, é pudorosa mais non o bastante para ocultar completamente as emocións.

Aquel Santiago e estoutro

Por: | 01 de marzo de 2014


Aquel Santiago de "Radio Galicia" e estoutro da "Pokemon". Antes da televisión os rapaces oiamos voces, saían daquela caixa cunha luciña verde como vagalume. Para min aquelas voces tiñan un nome, “Radio Galicia”. Naquel mundo desfeito de provincias tristes e Franco a pescar no "Azor" a radio afirmaba a existencia dunha cousa chamada “Galicia”.
Naquel tempo non sabía que aquela emisora nacera en Santiago non para a cidade senón precisamente para a Galiza. Unha empresa nacida para defender o país e para conseguir autogoberno, e así fixo unha campaña constante por aquel estatuto de autonomía. Aquel era un Santiago aberto que celebrou a chegada da República pendurando dúas bandeiras, a tricolor e a azul e branca. Sabendo o que foi aquel tempo de liberdade e esperanza na cidade como non vai un estar asañado con esta miseria que ocupa o concello actualmente.
Non hai palabras para calificar o que lle fixeron e fan á cidade, de houber palabras habían ser palabróns. Hai que varrer.
Algúns políticos cometeron delitos para financiar aos partidos, un erro grave. Cousa aparte son os pillos sen outro oficio que a rapina e que andan vestidos de políticos. De disfrace todo o ano, asistimos a unha antroidada e os pillos papan lacón a enchente.
O Brasil é un continente musical, aquí van palabras nosas chegadas desde alí para mover o van pola rúa neste Antroido. Ninguén diga que é malo de cantar e de danzar.

O disfrace de Garda Civil: Non o prohibiu o Goberno, polo de agora, non. Se a Garda Civil consegue maior ou menor respaldo social xa logo ven este ministro para devolvela atrás e sumila no ridículo: é o ministro que máis dano lle ten feito á Policía e da Garda Civil. E aínda di que lles quere moito, amores que matan.
Que llo digan se non aos inmigrantes que recibiron descargas de pelotas de goma cando loitaban contra o mar.
Había ser ben mellor rezaren eles á Virxe para que este ministro marche axiña, porque está redactando leis franquistas e devolvendo aos corpos de seguridade á época do franquismo.
E por certo, PUIG ANTICH. Hai corenta anos que foi asasinado a garrote. Tantos mortos incómodos para todos, mortos que non tiveron herdeiros, ninguén quixo reivindicalos. Cando chegou o tempo dos xardíns de flores e as binchas de cores eses mortos eran incómodos, tan tristes e tétricos nun tempo tan pimpante. Un tempo que pouco e pouco foi dando por bo o pasado, un tempo no que o fascismo acabou encontrando o seu lugar entre nós como sempre.
Eis un premio de xornalismo a conmemorarCÉSAR GONZÁLEZ-RUANO...
Motivos para un boicot. Israel dá todos os motivos para un boicot, o estado aliado da República Sudafricana dos “afrikaners” segue a tratar á poboación palestina do mesmo modo. Alén da insolencia, coa máis fonda inhumanidade.
“Salvados" polo Rei. Tras un programa que prometía informar do que nos ocultan o que nos seguen a contar é que o Rei nos salvou dun golpe de estado do que non sabía cousa. Somos libres de crer ou non crer. O caso é que ninguén lembra a Suárez, a primeira víctima política despois da cidadanía española. O 23-F foi un éxito político para os seus promotores e dirimironse moitas cousas entón, unha delas foi a primacía do poder do Rei e do Exército sobre o poder político elixido polos cidadáns.
Suárez foi un Ícaro que quixo voar máis alto do que era permitido. Non é raro que, xunto con Zapatero, fose o presidente de Goberno máis atacado.


Morreu a Ana María Moix, dun cancro. A lembranza dunha meniña maior, aguda, sincera e doce envolta en fume de tabaco.Tiña a consistencia da inocencia.

E o Paco de Lucía tería gustado dese funeral de estado? Coido que non. Xustamente escapara diso, para un artista verdadeiro a pompa é unha serea que o devora.
Desde que estás morto estás perdido e indefenso, se non hai quen te defenda. Paco de Lucía, polo que el fixo ver en vida, merecía moito máis que príncipes e ministros, merecía un enterro humilde.

“Amour” do Michael Haneke. Basta unha obra así para xustificar a un artista.
Chéganos tanto filme que é unha distración mellor ou peor, unha maneira de pasar o tempo e distraer a cabeza. E está ben, hai un momento para todo. Mais “Amor” obra o milagre da arte: non pasamos o tempo nin o perdemos, recuperámolo. Mentres asistimos ao desenvolvemento desa relación amorosa vivimos un tempo vivo e real. E, na vez de distraernos, de sacarnos de nós, sitúanos no noso propio centro.

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal