Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

"NON SERVIAM"

Por: | 21 de abril de 2014

 

“NON SERVIAM”

 

Son ladróns, e rouban. Chamada do Sergas para dar cita para unha operación, a telefonista ofrece a intervención a escoller entre dúas clínicas privadas. “Eu quero facela no Clínico, no hospital”. “Uy, pero entonces le va a tardar mucho...”. Non é que recorten, é que escapan coa tallada: son ladróns, e rouban.

Pikachu encarapuchado. Tras o ridículo, o absurdo, a incultura, as cativezas e a corrupción que se foi desvelando na “Pokemon” santiaguesa, axiña empezaremos a coñecer, esperamos, outra ración do mesmo na trama “Pikachu” coruñesa. Polo de agora imos sabendo dun milagre propio da Semana Santa: a aparición de “costaleros” fantasma.

A desfacer: agora queren sacar a Vigo de Galicia. Abel e Paco. Paco Vázquez sentou cátedra e escola no seu partido, deixou un modelo de alcalde localista e contrario a calquera proxecto de país galego. Abel Caballero agora é un manifesto discípulo seu. Cando foi ministro deixou a Galiza fóra do mapa das comunicacións que creaba o Estado, reinaban aquí Fraga e Vázquez collidos da man, agora alenta un localismo isolacionista que separa a cidade do país, quere retallarlle un cacho de territorio a este país xa demediado.

O fracaso do proxecto cívico de país débese a estas miserias e, ao tempo, conduce a estas e a futuras miserias. A ignorancia máis supina e o incivismo máis salvaxe móstrase na España e na Galiza de todas as formas posíbeis.

O mesmo desprezo de sempre, a mesma vella ideoloxía (de odio). O mesmo desexo de que desaparezamos.

   E pois non.

Acerca de Fraga. O que tiña que dicir sobre Fraga penso que xa o dixen hai anos (“Conversas con Suso de Toro”. Antonio Pedrós-Gascón. Edicións Xerais. 2005). Fraga foi un personaxe complexo e de rasgos moi marcados, para resumilo precísanse diversos calificativos, todos eles tremendos mais non cabe nun só. Sempre nos seguirá a ofrecer algunha nova anécdota que tampouco se poderá resumir nun único calificativo.

E pois é, Franco era galego. Haino que aceptar de vez, mandou fusilar a xente de todo ideoloxía contraria á súa e de toda parte, moitos galegos, porén nunca quixo deixar de ser galego á súa maneira. Un día haberá que falar a serio de Franco.

Jordi Pujol é unha figura política da que se ten burlado a prensa e os políticos madrileños, burlas interesadas e, sobre todo, absurdas. A figura que debuxaban era a de alguén só preocupado en intereses de pequeno alcance, como se a burguesía madrileña tivese grande altura de miras, e un provinciano reseso, cando é alguén ben máis culto e coñecedor de linguas que os políticos madrileños. Non comparto nin a condición social nin a ideoloxía nin a visión da sociedade de Jordi Pujol, non deixo de ver sombras na súa traxectoria persoal e política, mais nunca deixarei de consideralo como o que é, un estadista europeo que merece ser atendido cando fala.

Leo nun libro recente seu na versión en castellano, “El caminante frente al desfiladero” (Editorial Destino)”, (e non estaría mal que a xente que pretende ter unha opinión informada sobre o proceso político catalán lese algún libro que exprese puntos de vista desde a sociedade catalana):

No hace mucho en una reunión de gente de muy alto nivel de la política, la economía y la administración españolas, dirigiéndose a unos catalanes que discutían temas de lengua y de financiación -de hecho, de autogobierno-, alguien les dijo: “Habéis perdido la guerra”. Y: “No os necesitamos, porque, en cualquier caso, y aunque haya tensión, seguiréis contribuyendo al PIB español con un veinte por ciento y además con déficit fiscal”. (..) “Además, todo eso no tiene importancia, porque la inmigración os va a comer. Dentro de dos generaciones todo eso de la lengua y la autonomía habrá acabado.”

Quen falaba así resumía moi ben a estratexia das élites que patrimonializan o estado español no plano económico, ideolóxico, político e mesmo lingüístico (“Españolizar a los niños catalanes”). A brutalidade con que se expresaba é moi característica da cultura nacionalista española, o puro militarismo que late detrás das descalificacións e ameazas.

Iso mesmo lle dixen eu hai anos a membros do parlamento catalán, aínda que sen a intencionalidade de humillalos ou ameazalos, evidentemente. Hai uns anos o parlamento catalán convidoume a falar sobre medios de comunicación e nun xantar posterior tamén eu lles dixen, pode que con máis brusquedade que franqueza: “Vós sodes absolutamente viabeis como país independente, como estado, e as cousas marcharían mellor para vós sendo un país soberano, mais...non podedes. Non volo permitirán. É imposíbel.” E ante unhas palabras tan desconsideradas todos calaron, porque sabían iso perfectamente, sabían as súas capacidades e sabían tamén a súa imposibilidade.

Que cambiou entón desde aquela? Que a maior parte da sociedade catalana está disposta a romper as imposicións. O que cambiou foi que os “españolizadores” foron tan descarnados nas súas intencións e foron tan atrevidos que desencadenaron unha enerxía social, unha reacción de resistencia da sociedade catalana que se viu en perigo de asfixia. O espíritu nacional catalán foi alimentado desde Madrid, paradoxos.

Algúns fixemos o que puidemos para que houbese unha España na que coubesen as diferenzas nacionais, non foi posíbel. Agora acórdanse de reformas constitucionais, federalismos...Tarde piaron. Todo iso nesta altura son puras falsidades, respostas hipócritas e sen credibilidade. Os que respectamos á cidadanía catalá quereriamos que non fose allea a nós, querémola tamén nosa, mais...toda a admiración para un país que se fai respectar e ten dignidade.

E nós? Dinnos que non podemos ser, que a Galiza é imposíbel. Volvemos ouvir o mesmo. O mesmo que desafiou o Antolín Faraldo e a Junta Superior del Gobierno de Galicia no seu xornal “Revolución”: “Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa convertida en una colonia de la corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento”. A revolución rematou en fusilamentos e exilados mais a súa semente chegou a hoxe, sempre contra o vento da historia. Risco defendeu que non era posíbel, Piñeiro máis tarde, agora volvemos ouvir o mesmo: Galicia non é posíbel, hai que rendirse.

A época de Zapatero cando procurou, a pesar das campañas en contra, un encaixe de Catalunya e das nacionalidades actualizando o autogoberno cun novo “estatut” rematou coa sentenza do Tribunal Constitucional. E o intento do goberno bipartido da Xunta, PSdeG e BNG, de actualizar o estatuto incluíndo un recoñecemento nacional explícito da Galiza rematou cando o PP abandonou a ponencia...:Todo iso xa é pasado. Estamos nunha nova etapa política na que a ideoloxía do estado é totalmente dominante na dereita e na esquerda.

Na dereita avanza UPyD, Vox, Ciutadans... e na esquerda IU e outros partidos nacidos na calor da acampada na Puerta del Sol o 15-M que foi seguida nas provincias.

Hai pouco discutín cunha amiga, votante de sempre da esquerda nacionalista galega, dixo que pensaba votar por “ese chico da coleta do que falan todos os rapaces novos”. Referíase a un xove político que participa nun programa dunha canle de televisión estatal (e cal non é?). O nacionalismo galego foi incapaz até hoxe de ofrecer á sociedade algo máis que resistencia, é certo. Ten moitos defectos, sectarismo, dogmatismo, aprioris ideolóxicos de todo tipo..., é certo. Mais cando dicía iso esa miña amiga non caía na conta de que neses programas non caben representantes da corrente política que reivindica a Galiza como nación en por si, que pensa a política desde aquí. Díxenlle que aceptando o esquema comunicacional, ideolóxico do estado o que facía era rendirse, entregar a súa arma política, o seu voto ao estado existente.

Non serviam!”. Certo que non hai un proxecto cívico dunha nación galega, mais non por iso imos entregar este país. Existirá aquí un país que mereza respecto, seremos respectados en tanto o merezamos. Moitos ou poucos, haberá quen siga onde Antolín Faraldo e insistirá en dicir “non serviam!”.

 

 


CÓMO SE PASA A VIDA, CÓMO CORRE A HISTORIA. Hai uns días publicaba eu “A súa Constitución, o noso cárcere?” (e vaites coa metedura de zoco, adiantei a mobilización prevista para o 11 de Setembro a este mes de Abril. O que ten o non corrixir os textos con vagar).
O caso é que hai seis anos dicía eu nunha palestra en Valencia sobre “Alternativas para la España plural”:
“El modelo que salió de la Transición y que se plasmó más o menos en la Constitución respondía a esto, a solventar, a atender estas dos demandas democráticas. Se puede decir que el modelo en sí mismo era útil, y en realidad sigue siendo útil, de tal modo que con esas mismas instituciones se ha visto
que una comunidad autónoma con capacidades, con presupuestos semejantes, con
capacidades legislativas semejantes, dependiendo de qué fuerza política gobernase,
tenía un carácter político u otro. Es decir, a mí no me cabe duda de que Cataluña ha
existido nacionalmente todos estos años (Cataluña o el País Vasco), y ha existido
nacionalmente todos estos años porque tenía una expresión política, esa sociedad se
expresaba políticamente de un modo claro a través de fuerzas políticas propias que
hacían visible un espacio político catalán, y, además, quien ha administrado, quien ha
ocupado esa administración le ha dado una interpretación política, mientras que por
ejemplo Galicia, con un cuadro político semejante (aunque inferior, pero semejante) de
competencias y de financiamiento, sin embargo, no ha tenido ese carácter ni hacia
dentro ni hacia fuera. Galicia no ha existido nacionalmente estos años. Entonces, lo que
ha ocurrido es que el modelo en sí mismo era un modelo útil para muchas cosas, pero
a mi modo de ver –y es algo que tendremos que afrontar en el futuro– se ha pervertido
el modelo.”

Dixen entón: “El peligro es la derecha nacionalista española, una derecha que no tiene detrás otra tradición política más que el franquismo. Adolfo Suárez, un gran político, precisamente muy pragmático, intentó crear una nueva derecha, no tenía debajo ni detrás una tradición (política democrática), la tradición que podía tener era muy remota, estaba truncada completamente, no tenía base social y fracasó. Precisamente por el empuje y porque la derecha social española es muy ideológica, ideológicamente franquista. Es una derecha nacionalista, pero no nacional.”
Que ocorreu polo medio entre un texto e outro? Sen dúbida o avance do nacinalismo español da man, naturalmente, da dereita. O avance no Tribunal Constitucional, no Goberno despois tras as eleccións...

   Sen dúbida, quen intentamos outra España na que coubésemos todos fracasamos. E eles gañaron.


HAI ANOS MULTOUME “HACIENDA”. Era complicado levar a contabilidade de "autónomo" e Hacienda reclamoume unha cantidade que non declarara. Non sabía que cantidade era, pasouse o prazo, acabei pagando a cantidade que me pediron e, aínda por riba, unha multa. Comprendín que esas eran as normas, aínda que me quedou mal sabor, non só polo diñeiro senón tamén porque non pretendera estafar á facenda pública e fora un erro involuntario. 

   Agora enteirámonos de que un senador por Cantabria do PP, membro da dirección e tesoureiro dese partido di que o partido que goberna leva décadas estafando a Hacienda, iso é a todos nós. E que o presidente do Goberno e dirixentes do seu partido cobraron anos sobre con diñeiro negro. Que debo pensar eu deses individuos? Que respecto lles debo ter? Que autoridade teñen sobre min?

   Que paguen o que non declararon, que os multen, que os inhabiliten e que os metan presos. Que fai Hacienda que aínda non denunciou a esa xente?


A PARDO BAZÁN VAI DE VIAXE, e cóntao todo no seu caderno. Pódese descargar o texto, editado polo profesor González Herrán e pola RAG e a USC

  Que aguda é xa de nova, que voz tan libre. A intelixencia que daría logo "Los pazos de Ulloa", esa novela audaz e perversa, xa está aí nesa moza rechupa, Que espectáculo tería sido se tivese colaborado con Rosalía e cimentar a nosa literatura. Mais non foi así.


HANNAH ARENDT E HEIDEGGER, MARIA ZAMBRANO E ORTEGA Y GASSET. A xenerosidade, outro nome mellor non acho, das mulleres: mulleres intelixentísimas a adorar aos seus mestres. "María Zambrano. Obras completas. Tomo VI" (Galaxia Gutenberg) Volver ler a admiración rendida da María Zambrano polo seu mestre, conservada toda a súa vida, coido, cando ela pariu un pensamento moi superior e moitísimo máis fecundo que Ortega (Outra cousa é que Ortega fose tan influinte no seu tempo).Costa entendelo, sequera a este home que escribe.
SOBRE ORTEGA, escribiu Gregorio Morán unha obra imprescindíbel para quen queira coñecer a figura do filósofo. Con luces e moitas sombras, certo, mais son as sombras verdadeiras de Ortega.
Cando se publicou o libro, "El maestro en el erial", foi atacado de xeito furibundo polos herdeiros de Ortega. Ortega segue a reinar arestora no mundo intelectual madrileño como outrora.

   (Non é preciso insistir na antipatía que me inspira o personaxe, basta ler "La España invertebrada")


GREGORIO MORÁN, O PAXARO NA MINA. Gregorio Morán é o xornalista máis imprescindíbel, escribe na única prensa que pode tolerar unha voz tan impertinente, nun xornal barcelonés. El propio ten recoñecido que lle tería sido imposíbel expresar as súas opinións na imprensa madrileña.
Nin comparto todas as opinións nin o talante dese asturiano recalcitrante nas súas ideas e teimas, mais a súa liberdade, mesmo para azoutar a unha Catalunya que o acolleu e aceptou, é espléndida. Na imprensa madrileña non hai osíxeno para respirar hai moito tempo, o día no que Gregorio Morán non teña tampouco sitio na prensa catalana será o día no que non haberá liberdade. Morán é como o paxariño que baixaba canda os mineiros aos tuneis, se o paxaro morría é que había gas tóxico na galería. Que cante Morán e outros coma el moitos anos.

É Galiza posíbel?

Por: | 06 de abril de 2014

É Galiza posíbel? En 1833 o Reino de Galicia, o esqueleto jurídico administrativo do que fora un reino, foi borrado coa división en provincias uniformes controladas desde a corte. Trece anos despois dase unha primeira reacción á desaparición da Galiza como entidade, a Revolución Galega de 1846, un pronunciamento militar únese ao discurso dos primeiros galeguistas e a Junta Revolucionaria de Galicia na man do magnífico Antolín Faraldo proclama a rebelión dun país condenado a “una existencia oprobiosa convertida en una colonia de la Corte, va a levantarse de su humillación y abatimiento. Esta Junta, amiga sincera del país se consagrará constantemente a engrandecer el antiguo Reino de Galicia.”
O camiño do galeguismo continuou como unha corrente política coa tarefa de recrear un país dono de si. Houbo dous momentos nos que o galeguismo abdicou desa tarefa escollendo como máis propio o camiño da afirmación cultural e espiritual, foi con Vicente Risco nos anos vinte e logo con Ramón Piñeiro nos anos cincuenta.
A ruptura do BNG hai ano e pico, visto desde un punto de vista histórico, é un grave revés no proceso de acumulación de forza do galeguismo desde a morte de Franco, non pode ser minimizado. E esa ruptura deuse nun contexto político absolutamente adverso, nunca gobernara na Xunta antes ninguén que tivese, como ten Feijóo, o propósito explícito de vaciar cultural e políticamente a Galiza, e gobernando en Madrid un programa de recentralización do estado e “españolización” da cidadanía. O galeguismo como proxecto histórico está en custión.
E se o galeguismo político, as forzas políticas propias e soberanas, viven unha crise de existencia tamén vive un dilema vital o proxecto dunha Galiza que exista en por si, cun proxecto propio, alén de ser catro provincias españolas.
A este momento correspóndelle unha reflexión profunda como sociedade, un balance do estado de cousas e do estado de contas. Hai estudos históricos, económicos, sociolóxicos rigurosos que permiten establecer unha visión de conxunto da Galiza como país: como lle foi nestas décadas, nestes séculos? Cales foron os problemas, como se resolveron, que consecuencias tiveron as políticas ás que se viu sometida....Vendo isto todo no seu conxunto pode que podamos responder á pregunta, “é a Galiza posíbel”. Ou ten razón quen pense que non é posíbel aquí un país e que corresponde abandonar toda esperanza? Os da Galiza pola Soberanía acreditan en que si. 

Esperanza Aguirre. Son moitas as cousas que se poden dicir de Esperanza Aguirre logo do incidente que provocou coa policía municipal. Pódese analisar o seu comportamento desde o punto de vista policial, legal, político, humano...Porén, todo pode resumirse na súa evidente falta de educación, propia de alguén de extrema ignorancia. Penso que neste caso non sería clasismo chamarlle "paleta" a esa señora.
Agora é un deses momentos dos que todos deberamos aprender algo ao que nos resistimos. Aceptémoslo, é evidente: estamos gobernados por persoas así.
Como o Rajoy que acredita na estirpe como orde social e que explica a unha sociedade polo sangue. Persoas que teñen que gobernar unha sociedade moderna e racionalidada cando elas ignoran a realidade do seu tempo e teñen “pensamento máxico”, viven no mundo dos mitos. A estirpe, o sangue.
Esa xente que vemos na televisión a guindar pedras á policía...Hai que agardar a que o locutor de televisión nos aclare se son bos ou maos. Xa sabemos que na Ucranía e mais en Venezuela son bos; noutros lugares, depende.
Reconciliación na Ruanda tras o xenocidio? Tras unha guerra civil, tras un asasinato entre veciños, pode existir unha convivencia posterior ao crime, mais... “reconciliación”? Non o creo. Pode haber un pacto de coexistencia, mais é case imposíbel o perdón. E sen iso non hai reconciliación.                         Unha cousa é o que di a cabeza e a lei e outra o que un sinte. E todos temos dereito aos nosos propios sentimentos. Non hai dereito a pedirlle a unha víctima que perdoe ao verdugo. 

Cando os veciños defenden a cidade, e o concello desfaina. En Santiago protestan uns veciños, defenden o do seu barrio e tamén o patrimonio da cidade. É evidente o valor do patrimonio histórico e artístico de Compostela do tempo que vai do século VIII ao XIX, o que a xente que manda no concello ignora é que o urbanismo e o sistema de parques creados nas pasadas décadas é o outro patrimonio da cidade: o que fai que Santiago sexa un modelo para outras, a cidade histórica que se actualizou dun xeito exemplar en dúas décadas. Até que chegou esta xente. Fálase da corrupción municipal, tan daniña como ela é a ignorancia municipal. 

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal