Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

CORAXE

Por: | 30 de mayo de 2014

Alegría. Nas dúas últimas actualizacións deste blog opinei, primeiro, sobre a pertinencia do galeguismo político hoxe e sempre e, segundo, sobre o resultado electoral. Quero dicir aínda de algo que non é bo de racionalizar nin de analisar, das cualidades morais que se manifestaron nese trance.
Quero dicir da alegría e a pequena esperanza que alimenta esa xente, case toda nova, que avivou o lume da protesta que é “Podemos”. Simplesmente é envexábel, todo proxecto social ou político debera nacer da ilusión e sentir un alento así.

Ese proxecto en marcha vai ser atacado, certo, mais tamén conta co apoio inmediato de moita máis xente da que o apoiou hai uns meses, e cantos máis ataques dos poderes e da reacción máis engorda “Podemos”. De modo que non paso pena ningunha por eles, non lles ha faltar vento nas velas.


E coraxe. O que si quero é dicir dunha cousa que non vai ter quen a cante, dicir da coraxe contra a historia e contra todo que encendeu o peito do BNG. O BNG retrocedeu outro pouco, certo, mais tívose no seu lugar. O desafío era afrontar a desaparición do nacionalismo galego de esquerdas, que é o único existente, e aguantou a proba. Os seus militantes e simpatizantes amarráronse ao mastro e déronlle ao remo. Pasou a galerna, a nave vai.
          Non é esaxerar, este tamén foi un trance histórico para o nacionalismo galego. Viviu fugas ao campo da esquerda estatal e foi atacado como nunca. Sempre sufriron unha estigmatización, se non queimaban os montes eran aliados dos terroristas, até se lles acusou falsamente dous días antes de corrupción. Sempre se intentou que a demanda nacional galega non existise, mais desta vez foi un ataque por todos lados: tratábase de que desaparecese. Non o conseguiron. E foi pola firmeza e a coraxe da súa xente. Celebremos a afouteza nun país tan submetido e nunha sociedade tan acovardada.
            Dicir isto non quita coñecer os defectos e limitacións do BNG, ten por diante un traballo de abrirse á sociedade que está por facer completamente, mais do mesmo modo que ninguén lles recoñece o traballo todo o ano tampouco ninguén vai saber desa coraxe.


O novo espectáculo que ofrece o PSOE... Xa dixemos que non existe o PsdeG, de modo que non perdemos tempo e ollamos para ese partido que non ten neste momento proxecto político ningún, que se mostra impúdicamente como unha mera máquina de poder.
O espectáculo dos xefes provinciais chamando polo advenimento de Susana Díaz, a xefa de Andalucía. Non comprenden o ridículo e o extemporáneo que son esas trapalladas entre eles cando “Podemos” ofreceu á sociedade un modelo máis limpo e distinto.

       Que vello está ese partido refundado por Guerra e González, tiveron que tragar a Zapatero mais de contado pasaron páxina e volveron ao seu. Primeiro, da man de Rubalcaba, quitáronlle as primarias ao propio Zapatero, esmagado pola xestión agónica da crise día a día, susto a susto, e a Chacón. G e G apoiaron a Rubalcaba para gañar o congreso en Sevilla, como non, e chegaron até aquí. Rubalcaba non tivo pudor en dicir que convocaba un congreso extraordinario pola súa conta e que só o sabían dúas persoas da súa executiva “y Felipe”. E a militancia que coma e trague.
        Agora reaccionan como sempre: que o aparato decida. E todos ao redor da xefa de Andalucía, aparato puro. E aí os están, ese espectáculo tan decadente.
E que pasa co Brasil e o Mundial de fútbol? Porque fútbol habemos chupar outra vez, é imposíbel que teñamos tregua, non teñen dó de nós e quérennos ter hipnotizados na pantalla e a berrar, “¡soy ezpañó, ezpañó, ezpañó!” ou o que faga falta.
E o mundo contempla ao Brasil e resulta que o Brasil mudou tanto que definitivamente xa non é o país de Pelé, que se volveu un estúpido clasista e despreza á xente da que saiu. O Brasil xa non é un país tan alegre como ignorante, agora é unha sociedade que come tres veces ao día e que madureceu: xa non abonda con pan e fútebol e quere democracia e xustiza social. E emerxe a protesta cívica. Ben, moi ben.
O “Mundial” era un macro proxecto pensado mecánicamente para un país distinto, o Brasil de hai dez anos. Hoxe todo está a mudar e o Brasil, alén de ser unha fonte de alegría de vivir, tamén é un país moi serio.
E os “homes de negro”, os guichos do FMI? Esa xente ruín que ven aquí como verdugo. No primeiro trimestre decreceron novamente as rendas do traballo e a un país así ven esa xente dicir que hai que baixar salarios…Un non é partidario da violencia, agora que unhas boas chaparretas merécenas.

O dixital crece, o analóxico decrece. Trataba aquí hai uns días da aparición determinante do "voto dixital", todo o dixital crece, chégame noticia doutro blog dun autor galego: http://pedrofeijoo.blogaliza.org/

É DE SE ALEGRAR

Por: | 27 de mayo de 2014



Hai días moi significativos que borran inmediatamente a memoria dos anteriores. O sábado a xente andaba tola polos bares co fútbol e a dividirse entre dous equipos de fútbol madrileños, o domingo pola noite xa ninguén lembraba tal cousa pois ese día houbo un acontecemento político que borrou entusiasmos de hincha e deixou desconcertada á opinión pública.
E quen lembra agora que até este domingo o panorama político era simplemente abafante? Estabamos perante un poder corrupto, autoritario, que está a destrozar a sociedade e que non tiña contestación.
Agora haina. É evidente que o resultado electoral é unha disidencia da idea da política que teñen os dous grandes partidos estatais, unha política que ten feito sufrir de moitos modos á sociedade e, en consecuencia, o electorado expresa a súa crítica.
Un resultado que non alterase a situación anterior mostraría unha sociedade case morta.
Mais todo mudou. Sempre se di, dío quen non fixo boa feira, que non son trasladabeis os resultados dunhas europeas a outras eleccións e levan razón, e mais non. Levan razón en que non é un voto para decidir un goberno, e por iso todos votamos sen tanta presión da responsabilidade.
Quen se acolla a ese razoamento fía todo en que as persoas sexan responsabeis e teñan “prudencia”, que verdadeiramente é medo aos cambios.
Quen queira velo doutra maneira pode reparar en que precisamente por ser un voto máis libre expresa un desexo de cambio de política, un cambio de goberno que o electorado realizará ou non de seguido dependendo da análise que faga das circunstancias.
Este resultado modifica a realidade existente e esa nova realidade actúa agora de volta sobre a cidadanía. Tras os resultados moitas persoas están a revisar retrospectivamente o voto que deron, nun sentido ou noutro: “se chego a saber que había saír ese resultado, votaba outra cousa”. Se se puidese volver votar de novo mañá o resultado había ser distinto ao de onte: os que baixaron baixarían aínda máis e os que subiron, especialmente quen se presentou por primeira vez, subiría aínda máis.
A novidade de onte fixo que moita xente perdese iso que uns chaman “prudencia” e que máis ben é medo ás mudanzas.
Unha corrente de fondo: Como o resultado electoral resultou inesperado, difire bastante do que prevían as enquisas, cabe pensar que é unha corrente de fondo, e do mesmo xeito que as correntes de fondo non se detectan ben na superficie tampouco non se deteñen repentinamente. As tendencias que se mostraron han continuar.

ADEUS “TRANSICIÓN” E CONSTITUCIÓN.
Onte liquidouse o sistema político nacido da Transición e establecido desde os anos oitenta. Efectivamente, non é que a Constitución, os pactos e amaños que conforman o sistema político que se estableceu hai tres décadas estea en crise, senón que xa rematou.
Os dous grandes partidos perderon a autoridade política que tiñan e xa non son quen a soster o sistema político.
O voto que perdeu o PP ficou na casa maioritariamente, outra parte foi para UPyD e Ciutadans. Dúas opcións relativamente novas. Con todo, UPyD, malia os apoios de medios de comunicación madrileños, non conseguiu triunfo ningún como prevían os seus mentores hai uns meses aínda crecendo en votos e deputados. Rosa Díez, malia ser ela unha representante dos políticos profesionais de toda a vida, conseguiu audiencia conservadora grazas a sacudir o nacionalismo español e acusar aos partidos tradicionais, porén resulta incomparábelmente menos atractiva que a figura dun home novo, Albert Rivera, que non ten ese perfil reseso.
E o voto que perdeu o PSOE foi parte para IU e outra boa parte para outros partidos novos, sinaladamente “Podemos”. IU creceu en votos e deputados mais non avanzou pois non recolleu o desgaste dos socialistas e tampouco conseguiu ser vista como unha esperanza verdadeira. Iso conseguiuno, dun xeito inapelábel, “Podemos”.
Doutra banda, o aparato do partido socialista demostra que vai ser incapaz de recuperar creto entre a cidadanía informada e crítica nas cidades. De seguir así será un partido que lle dispute ao PP o voto cautivo de persoas dependentes da administración en determinadas comunidades autónomas. Mesmo pode acabar por ser o verdadeiro partido andalucista.

Fame de partidos novos, de política nova. Tanto o voto que perdeu o PP como o que perdeu o PSOE ten dimensión ideolóxica, vai alén dun enfado, e nos dous casos exprésase a través de partidos novos.
Ese voto de esquerdas é claramente contrario ás políticas do Goberno, o das europeas, a “Troika”, etc, é música de fondo, a xente quere parar esas políticas, defenderse delas. E, outra cousa, quere tamén outra linguaxe. E, outra máis, quere outros políticos, aborrece aos políticos profesionais: o discurso de “Podemos”, tan intelixente como astuto, centrou moitas críticas na “casta” dos políticos.
Unha nova xeración política. Estas elecións supoñen a verdadeira entrada dunha nova xeración que non ten as referencias da Transición, que a supera políticamente e que desconfía dos aparatos tradicionais. Por iso precisa crear os seus propios aparatos. Será moi interesante coñecer quen é esa nova xeración política para facérmonos unha idea das súas posibilidades.
A irrupción de “Podemos” afecta a todos os demais elementos do xogo: A súa crítica agora vai facer moito máis dano ao Goberno pois estará cargada de forza política e moral, a sociedade vai atender máis a esas críticas; a súa elasticidade ideolóxica con apelacións ao “patriotismo” español pode recoller votos de descontentos que doutro modo irían á abstención, ao PP ou a UPyD; e a súa nova cultura política e a súa imaxe cuestionan a todos partidos tradicionais, burocratizados, cerrados e con aparatos que hoxe son vistos con clara desconfianza pola maior parte da cidadanía.
E QUE FOI DE GALICIA?
Galicia son catro provincias de Madrid. Na Galiza a xente optou moi maioritariamente por facelo a través de organizacións estatais, o marco ideolóxico absoluto nestas eleccións foi español, ou sexa madrileño.

Na Galiza as cousas ocorreron máis ou menos como nas demais provincias españolas, quitado País Vasco e Cataluna que son realidades totalmente distintas. Feijóo ten traballadas as tertulias audiovisuais madrileñas mais preside unha Xunta espida de proxecto de país e, por iso, completamente espida. Só goberna grazas ao soporte dos medios de comunicación, que traballan contra a cidadanía. 

O PSdeG simplemente non existe, é incapaz de existir. Son delegacións da rúa madrileña de Ferraz, organizacións locais que administran algúns concellos, boa parte deles zarrapicados por corruptelas que non paran de aflorar.

AGE, siglas baixo as que se apresentaba IU aquí aliada cun grupo de militantes dirixidos por Beiras, quixo ser vista como unha novidade esperanzadora e, nas pasadas elecións autonómicas, conseguiu xuntar votos da esquerda española tradicional cos dunha parte do nacionalismo galego que fuxía da imaxe do BNG, agora retrocedeu e non foi capaz a recoller novos votos escapados do PSOE.

O BNG sabía que nestas elecións tratábase de resistir, efectivamente retrocedu outro pouco e non recolleu tampouco voto ningún que lle escapase aos socialistas.

   Foi “Podemos”, sen organización aquí e non sendo máis que unha marca televisiva, quen conseguiu concitar ilusión dun número moi valioso de votos. “Podemos” apareceu como unha novidade verdadeira para moita xente e, inesperadamente, fixo máis vellos tanto a IU (AGE) como o BNG.
Galiza non existiu como tal políticamente nin na campaña nin no debate, o electorado prácticamente actuou no marco madrileño porque non existe un espazo cultural, político, ideolóxico galego.
As causas? Unha chea delas. A autonomía foi coidadosa e sistemáticamente desmontada cultural, ideolóxica e políticamente por Feijóo, reducíndoa a unha gran deputación que lle sirva a el de peana.
Pola súa parte, o nacionalismo galego fracasou políticamente, non é cousa de agora senón xa das pasadas décadas. Errou nas súas análises e non soubo comprender que a autonomía era unha oportunidade que había que utilizar para gobernar e para construir un país, hoxe Galicia non existe como país, como Galiza.
É moi grande a súa debilidade histórica, desde hai anos fóronse reducindo as expectativas de que consiga saír dun espazo ideolóxico minoritario e ser unha forza decisiva ou sequera significativa no país.
Tan pouco prometedor o seu futuro político que rompeu, foi abandonado por sectores que renunciaron na práctica á construción dunha nación propia e desprazáronse ao marco político estatal. E nesta campaña vimos as enormes dificultades que afrontou. Un partido, o BNG, que participou dun goberno bipartito hai seis anos víase agora case perseguido, iso é posíbel porque os seus inimigos valoran a súa debilidade.
O resultado é que unha forza política nacida da ruptura e que se mantivo no campo nacional galego, “Compromiso por Galicia”, prácticamente desapareceu e o BNG resistiu mais fica limitado nun campo de militantes e activistas.
O BNG non é unha outra forza política máis. Ten un carácter único, arestora é a única organización que carga coa responsabilidade de que a Galiza exista históricamente, de que exista por si propia unha nación galega. É o que marca a diferencia entre a Galiza e a comunidade autónoma da Rioja, por exemplo. Precisamente por iso, tras os resultados, é evidente que terá que facer unha reflexión profunda.

     Non é consolo ningún saber das enormes dificultades, con todo e contra e con verdadeiros ataques, iso é a realidade que non vai cambiar máxicamente. Hai que aceptar a realidade primeiro para cambiala logo.
A evidencia é que a sociedade galega non ve a necesidade de ter unha forza política propia, sen contar con que os poderes establecidos son hostís a ese proxecto e apostan por obter beneficios particulares coa sumisión ás políticas chegadas de Madrid.
O BNG ten a tarefa de facerlle comprender á sociedade que a dependencia tennos perxudicado absolutamente e que precisamos organizacións propias para termos autogoberno.
E tamén terá que revisar a súa cultura política. A elaboración que fixo “Podemos” é un exemplo de como estamos nun novo tempo, un tempo que pide volver a pensar as cousas desde abaixo e por primeira vez.
Para existir, para manterse vivo, élle preciso a todo ser vivo o actualizarse. Só iso abondaría para pararse e facer unha reflexión profunda, alén diso o BNG ten motivos particulares para esa reflexión.

  A sociedade galega sabe que cando falle todo, cando algún aspecto do país está en perigo, pode contar coa esquerda nacionalista para defenderse, para protestar, tenlle respecto. Mais tamén é unha forza que non lle ilusiona, coa que non ten cercanía e que non lle inspira confianza. E un mínimo de humildade faralle ver aos militantes do BNG que no devir do nacionalismo nas pasadas décadas ficaron no camiño numerosísimas persoas que se sentiron afrentadas ou feridas.
Os países fanse co que se ten, o país galego precisa dunha forza política propia, é evidente que só pode nacer desde a esquerda e que aí está o BNG. O que se precisa entón é que o BNG sexa capaz a cargar ese peso.

QUÉ COUSA É SER GALEGUISTA HOXE

Por: | 21 de mayo de 2014

QUE COUSA É SER GALEGUISTA HOXE

 

Hai pouco vinme obrigado a reflexionar sobre Carlos Maside, unha vida de artista frustrada non polo fracaso senón por esa musa cruel que aquí chamamos a nosa historia. A vida de todo artista ou intelectual que foi firme e leal a Galicia, ou sexa Galiza, rematou frustrada (Xa o sabiamos antes de comezar, non é?).

Comprendín isto de modo cando fun escribindo nas páxinas deste xornal as estampas que reunín en “Inmateriais”, vida a vida, derrota a derrota. Porén, esa cadea de esforzos derrotados son un éxito, constatei a evidencia de que somos un continuo persistente, detrás de un intento viña outro e até agora nunca faltou quen relevase aos anteriores. Sarmiento, Faraldo, Rosalía, Murguía, Castelao..., até hoxe. Somos cousa nunca realizada mais que teima en querer ser, cada intento foi vencido mais non foi un fracaso. O galeguismo é unha vontade nacional e os seus protagonistas sempre souberon que o seu esforzo trascendía as súas vidas, as derrotas eran e son amargas mais os protagonistas desta historia tiñan dureza bastante para aceptalo porque vían que había un relevo.

Foron inútiles esas vidas? Digo non, ese esforzo non foi inútil. Esas vidas xuramentadas nese soño continuáronse nas nosas e as nosas continuaránse noutras. Até agora temos sido como as ondas, mar alta ou baixa, mais nunca paran as ondas, hoxe vemos que veñen outros detrás e son tan duros e mellores ou máis.

Nestes tempos precisamente estamos a vivir outra volta todo o poder do españolismo, a ideoloxía do estado, que recentraliza todo novamente en Madrid e que custiona a mesma existencia do nacionalismo galego. Hai anos que non viamos ataques tan groseiros contra a lingua galega e con tanta saña contra as organizacións nacionalistas galegas, a prepotencia da dereita españolista chega a ter tintes de persecución con todos os medios do estado: o delegado do goberno, os medios de comunicación, a xunta electoral...Abondaría saber isto para comprender que se os inimigos da existencia da Galiza como país perseguen á lingua e as organizacións galegas é porque as precisamos simplemente para existir.

Desde dentro do galeguismo ten habido dous momentos de crise que conduciron ao abandono da loita por existir nacionalmente, cando Risco dirixe a boa parte dos galeguistas ao culturalismo e o abandono da política na IV asemblea nacionalista en 1922 e, posteriormente, en 1950 cando Piñeiro, nunha situación interna e internacional moi adversa rompe co exilio e co Consello da Galiza e considera que pasou o tempo para un partido galego, o tempo para existir a nación galega e deposita o futuro do país na supervivencia da lingua e a cultura. Ao respecto manifestoume literalmente: “Nós non tiñamos medios e o nivel de sacrificio noso para facer o que fixemos foi grande. Un partido na clandestinidade non tería máis de dúas dúcias de adeptos. Ademais, se ti cerras o galeguismo nun partido o resto dos partidos desenténdense. Ese partido automáticamente é clasificado como de dereitas ou de esquerdas e queda como un partido testemuñal máis no mapa político do país. Isto era o que había que evitar! O galeguismo tiña que ter atractivo, influencia...”

Iso dixo uns meses antes de morrer, daquela xa levabamos varios anos nos que a autonomía estaba a ser gobernada, interpretada e conducida pola dereita española, estragando as súas posibilidades para gobernar o país. Nunca dubidei da sinceridade e o mérito personal de Piñeiro, mais van aló vinte catro anos e gustaría de poder volver conversar con el e retrucarlle outra volta: “E de que valeu esa renuncia ao Partido Galeguista, a termos organizacións propias? Como foi tratado o noso país polo estado estes anos? Onde van as nosas entidades finacieiras, como trataron ao campo, como negocian os intereses da pesca, do naval galego...? Mesmo, cal é a saúde da nosa lingua? E onde vai o tal galeguismo nos partidos estatais?” Ter medo a ser cabeza de rato conduciunos a non ser sequera rabo de león.

Está por facer o balance da depedencia política da Galiza, o prezo que pagou este país. O balance demográfico, económico, cultural ao longo do século XX: a ruína humana. E o balance destes anos de democracia no que o galeguismo non soubo gañar o apoio da sociedade para un proxecto propio. O nacionalismo galego non soubo, é certo, así e todo a experiencia móstranos que calquera recoñecemento dos nosos intereses sociais, económicos e culturais que fixesen os partidos estatais foi porque existían forzas políticas propias que o demandaban previamente.

O galeguismo é a forma que tomou históricamente no noso país o humanismo e a Ilustración primeiro, lúcidos Feijóo e Sarmiento, e logo a loita política democrática, desde Faraldo aos nosos días. Cando faltou a confianza en si propio, cando abandonou a vontade de ser conduciuse a camiños ermos e cegos. A vontade de ser, a mesma existenza dáse na autoorganización, nas organizacións propias. A sociedade galega está afeita a entregar a súa vida aos partidos estatais, a fiar en que sendo sumisos Madrid trataranos algo mellor, e só recorre ao nacionalismo galego cando se ve en situacións desesperadas. Entón sí, sabe que cando todo está para se perder a esquerda nacionalista sairá novamente á rúa ou onde sexa coas forzas que teña e con toda a decisión desesperada. Este país trata aos seus partidos como algunha xente trata aos seus cans atados todo o ano ao palleiro e recorre a el cando se ve desesperado, esa é a cruel verdade. E este país sabe no fondo de si que os galeguistas nunca foron moitos mais son os imprescindíbeis.

Estamos a vivir novamente unha ofensiva do estado tremenda, o nacionalismo galego é cativo frente ao nacionalismo español é certo, mais precisamente iso é o que debe obrigar á sociedade a considerar se non é máis necesario que nunca. Non é preciso ser nacionalista galego para comprender até onde nos levou o camiño do entreguismo e até que punto precisamos ter partidos propios. Máis que nunca, cos dentes arregañados e pé en parede, porque queren acabar co país.  

Todos somos terroristas en tanto non se demostre o contrario, e por iso estamos vixiados pola policía de Fernández Díaz. Todos podemos ser terroristas, coidado co que se di. Volvemos ter un goberno que nos controla e nos persegue. Este goberno e este ministro merece permanecer na nosa memoria e entrar na historia. “Daquela gobernaba Rajoy e era ministro Fernández Díaz”.

Os gobernadores civís seguen a existir. Os delegados do Goberno son a man sinistra do Ministerio de Fernández Díaz, estenden a súa intimidación ás provincias, non sendo que escapen a control totalitario.  

   Porén, no entanto díganlle aos fillos o que se lles dicía cando Franco:“Rouban para si, quítannos todo, mais ti ten conta e non te signifiques”.“Non o digas en alto, non o escribas, coidado con quen falas”.“Coidado co que se di fóra da casa, pódenche ouvir”.
A Rosalía esta xente tamén lle chamaría “terrorista”. A Rosalía de “A xustiza pola man”, a de “A Gaita gallega” (“Probe Galicia, non debes/chamarte nunca española, / que España de ti s`olvida/ cando eres, ¡ai!, tan fermosa./Cal si na infamia naceras/torpe, de ti, s`avergonza.” ), a de “Castellana de Castilla” (“Din que na nobre Castilla/así os gallegos se trata,/ Mais debe saber Castilla/ que de tan grande s`alaba, /que sempre a soberbia torpe/ foi filla de almas bastardas...”)
Señor ministro, vaia por ela, hai que prendela. (Non é extraño que o señor Feijóo negue os seus libros e prefira inventarlle outros poemas, visados pola censura)

Son ladróns, e rouban. E levan os cartos agochar a Suíza. Os cartos que desaparecen cando se eliminan camas nos hospitais, prazas de sanitarios, docentes, coidadores...
En que mans acabou o PSC! Aquel partido que nos merecía tanto respecto. O señor Pere Navarro participou activamente da campaña de animar a “crispación” na Catalunya (e a culpa, xa se sabe de quen é). Que desfeita a do Partido Socialista.
Felipe González arrepentido de ter dito o que pensaba: a conveniencia de pactar goberno con Rajoy, Aznar,Gallardón,Wert, Ana Mato, Báñez, Cañete...
O inferno, nas capitais de provincia. As asasinas do PP de León: unha provincia controlada, sometida e atemorizada, unha cacique voraz e cruel, un policía infiel, unha muller enchufada e logo despedida, unha esposa ferida de rencor, unha policía municipal que oculta armas, un kilo de marihuana...Un argumento de novela policial inverosímil e tan verdadeiro.
Para inferno, o de Lugo . A cada paso da investigación, un degrao no descenso ao pozo dos horrores . Todo vai alén dos pesadelos que damos imaxinado.
Queremos galego. Querémolo a favor de nós, dos que o falamos e dos que non, e querémolo defendendo a nosa lingua dos “escraches” como o que fixo a deputada madrileña Rosa Díez hai cinco anos, cando viñeron autobuses de Madrid a protestar contra as nosas leis que pretendían protexer o galego.
Sería inconcebíbel que fosen autobuses desde aquí a protestar contra as leis que elaborase a asemblea de deputados madrileños a respecto dos seus asuntos, non somos nin tan miserabeis nin tan maleducados.
O peor de todo, que se lle xuntaron individuos de aquí, como o señor o señor Negreira e o señor Rueda, que logo chegaron a ser alcalde da Coruña e nada menos que vicepresidente da Xunta. Individuos así son os encargados pola lei da autonomía a protexer e defender a nosa lingua. Así vai o país.
O martes 20 de Maio xulgarán a varios cidadáns que protestaron contra o “escrache” ao galego da deputada madrileña e os seus seguidores. Os que protestaban contra a nosa lingua foron protexidos pola policía e os que a defendían foron detidos, agora xulgados. Que tempos volvemos vivir.

Xigantes invisíbeis.A cidade da cultura, cando Fraga gobernaba e comían da súa man todos calaron, agora non paran de falar dese disparate.

Ninguén ve estoutro, os galegos estamos a tirar millóns de euros do diñeiro que nos envía Europa no fondo do mar. Non sei por que será, os que tanto falan da Cidade da Cultura nunca contan iso, calan como petos. 

FACTURAS, LETRAS E CANCIÓNS

Por: | 10 de mayo de 2014

Temos obriga de pagar a Hacienda? Se quen nos goberna non paga, por que debemos facelo os demais?

Domingo Merino,primeiro alcalde democrático da A Coruña, e nacionalista galego. Quen o quere fixéronlle unha homenaxe na súa cidade. Ben. Lembro a aquel alcalde que non tivo tempo a aprender a selo, non lle deron tregua os amos da súa cidade até que lla quitaron. Reconquistárona os mesmos, os mesmiños, que lle lambían a man a Franco cando pisaba o campo de golf da Zapateira. E reinou Paco Vázquez.
A Coruña é a cidade absolutamente decisiva para que exista un país aquí, por iso nola quitaron. E por iso debemos madurecer para reconquistala para a Galiza, se non non haberá un país.

Rupturas xeracionais, rupturas na civilización. Nos últimos tempos sigo a conversar con lectores sobre “Tic-Tac”, tantos anos despois, segue a haber persoas que o len. Véxome case a dar explicacións, teño clara conciencia de que é un libro que case molesta ao lector, é tan perturbador. A conversar con persoas novas: constato que cambia o lector, que ten algunhas novas referencias e perdeu outras. Vexo que preciso dar explicacións verbo das referencias bíblicas: a Biblia, a Historia Sagrada xa non é un dos mito compartidos na nosa sociedade.
Cales son?
Hai libros que levan banda sonora, non é que a precisen mais lévana dentro. Como “Sete palabras”. Aproveito que existe isto chamado Internet, aquí van algunhas pezas que lembro que andan por alí:
https://www.youtube.com/watch?v=uTnspbSjKVc
https://www.youtube.com/watch?v=rgVYz17DS4g
http://www.allmusic.com/album/benjamin-britten-who-are-these-children-mw0001869164
https://www.youtube.com/watch?v=EmWbs_WgpsA
https://www.youtube.com/watch?v=c8UDOmUcxCk
https://www.youtube.com/watch?v=DG8Qmxgd-jw
https://www.youtube.com/watch?v=oSQVNQLR2D0
https://www.youtube.com/watch?v=dBsXbn0clbU
https://www.youtube.com/watch?v=yM8CFR01KwQ
https://www.youtube.com/watch?v=-mD8ZpKxrw0
https://www.youtube.com/watch?v=dIzJgbNANzk
https://www.youtube.com/watch?v=86oWZ6QVk24
https://www.youtube.com/watch?v=CbVQV1XNOCY

 

Narrador@s co poder da humildade. Fan que volvamos acreditar na novela e renovan o seu sentido. James Salter (“A queimar os días”), John Williams (“Stoner”), a inmensa e modesta Alice Munro...Toda modestia protestante.

“Perroflautas”, o desprezo cruel que encerra unha palabra. Pertence ao mesmo campo semántico dos chistes sobre negros, mulleres ou catalanes. Nalgún lugar hai persoas que invisten inxenio e maldade en fabricar mesquindades, a música de fondo é a de Manolo “el del bombo”.
A nova e vella miseria créanos dilemas, non é doado negociar a cada paso na rúa coa compasión e coa prudencia, mais non hai por que caer no racismo. E digo caer. Neses rapaces abrazados aos seus cans hai meniños abandonados que encontran así cariño e calor.

Graham Parker. Inesperadamente aparéceseme o Graham Parker nunha canle de tv, nun filme, lindo, coa historia dun casal na metade da vida (“Si fuera fácil” en castelán). É un vello que ri de si propio, como é debido. Mais tamén é, non deixa de ser, segue a ser, o magnífico artista que foi, é. Pinchen aquí , é un presente para quen goste do rock`n roll ou de calquera cousa boa. Agradézano, é lindo, non é? (Ah, metin algunha cita súa en “Polaroid”, van anos!)
Juan Luis, non podíamos pensar máis distinto e contrario sobre os EE.UU., sobre a democracia, sobre a historia de España e sobre cara onde hai que ollar. Ollemos a Europa e intentemos que Europa sexa esa democracia que aínda non é e que non sexa unha colonia norteamericana. E seráo se a Unión Europea asina ese tratado comercial que lle entrega Europa aos norteamericanos. Agora e sempre hai que ser anti imperialista e defender o noso, non entregarse.

Rosalía sempre. Le un a Rosalía sempre con asombro, delicadeza e valentía. Hoxe o delegado do Goberno chamaríalle terrorista por algúns dos seus poemas. Estamos con Rosalía sempre, nunca co delegado do Goberno. Nunca con ningún delegado de goberno. 

 

 

MÚSICA PARA POBRES

Por: | 05 de mayo de 2014

MÚSICA PARA POBRES
A que me descoido volve o pasado remoto, volve o mundo da infancia e decátome de que estou a facer o ridículo, estou a asubiar ou a cantar, agora que case ninguén canta nin asubía, aquelas cancións da radio de válvulas. Por máis que dicían ben claro que eramos españois e “nuestra música” era o flamenco e as coplas non aprendía eu nese asunto, en troques non sei ben por qué ficaron na memoria aquelas “rancheras” que eran para cantar con toda a voz. (“No, no, no, no, señor. Yo no me casaré, así le digo al cura y así le digo al juez!”. Aquí a memoria confúndeme, e non será “así lo diga el cura y así lo diga el juez”?)
Así e todo, Imperio Argentina..., élles única. Non foi de neno nin da radio que a coñecín verdadeiramente, foi nun filme dese gran realizador que non é considerado como debera nesa España paleta, sumisa ao mamoneo norteramericano, ignorante e posfranquista, (logo deste desafogo) estoume a referir a Carlos Saura, foi en “Cría cuervos” onde se me apareceu a voz de Imperio Argentina, “Rocío”. E desde entón non puiden deixar de admirar a esa intérprete singular, capaz a simular a xitanería sen selo e cunha voz que di cousas terribeis. (En escribindo isto lembro que abrin “Home sen nome”, libro tétrico, cuns versos dunha destas cancións, de Quintero, Guillén e Mostazo).
Preguntas que nos fan enmudecer. Hai pouco fixen unha escapada a Barcelona, un está tan afeito a cargar coas derrotas particulares e cos desastres colectivos que xa non está preparado para poder contestar ás preguntas máis naturais, e alí preguntáronme: “¿Y Galicia?”. “¿Y qué fue de Quintana y Touriño?”. Non souben o que contestar. Que lles podía dicir? Canto tempo tardamos en construir e que logo o desfacemos.
Falta memoria, do que fomos, do que quixemos ser e mais do que puidemos ser. E desa maneira non habemos ser cousa. Por se serve para recuperar orgullo aquí vai o José Afonso amigo da Galiza a cantar o “Grandola” por primeira vez en Santiago.
O “68”, aquí, comezou no 67. “Voces ceibes” en Compostela. Se non fósemos reféns do relato que se fai desde Madrid lembraríamos quen fomos, quen somos e saberiamos do 67, do 72 e de todos os anos nos que nós fomos donos de nós.
“Benedicto”, Benedicto García, ese amigo leal do Jose Afonso.

Moito cambiou desde aquela "o meu país" que cantaba o Miro Casabella, é outro. E, en xeral, moito mellor, aínda que teñamos desaproveitado tantas oportunidades.

A fraxilidade do sublime, a fisicidade do intanxíbel: a suor na frente do pianista, na axila da violinista, o cuspe na trompeta…A música é unha ximnasia tremenda, unha orquestra sinfónica é un bando de atletas a esforzar os músculos e, porén, sentados quedos.
Mahler pasábao de medo: non lle había bastar compór a musica e tiña que dirixila, ditala el aos músicos, un espírito tiránico que disfrutaba facendo traballar a todos os instrumentos.
Toda a xente debera pasar, sequera dez minutos, por unha sala de concertos. Por que se lle vai negar esa marabilla a quen non a coñece. Quen sabe canta xente coñecería un novo asombro.
“A puta vida” de Soraya: podía ser o título dun filme porno, mais estou a falar dunha burla obscena. A vicepresidenta do goberno dun partido que está a ser investigado por corrupción, por manexar diñeiro negro e lucrarse desde o presidente do partido e do goberno até a secretaria e tanta outra xente, indignase porque lle apoñen o cobrar dese diñeiro: afirma que non colleu un sobre na súa “puta vida”. Como alguén se atreve a sospeitar dela, membro dun goberno e dun partido así! Como non vai dicir palabróns e xurar, faltoulle cuspir de lado. Coitadiña.
A prensa da Puerta del Sol non descansa: o que fixeron antes con Zapatero fano agora con Mas: ridiculizan a súa figura e demonízano.
Os medios de comunicación madrileños son sempre un fortín, ás veces un “bunker” e nestes momentos, frente aos cataláns, volven ser a “Brunete mediática” que dicía o Anasagasti.
Bombeiros voluntarios. País este que pretende rebentar o ceo a tiros de cazadores no inverno e a bombas de palenque no verán. Gaña o Real Madrid, gaña a selección española ou perde o Barcelona e sempre hai quen tira de foguete e chegan as calores e o país enteiro semella a Siria en guerra. Un país manso até a humillación que ten escuros desexos de pólvora.
O home das tabernas (“Homo tabernaculus”). Este soliño que promete un verán e este “Rias Baixas” de Manolo de “Os Eidos” póñenme soidoso e fanme cavilar nunha especie en trance de desaparición. Hai noticias deste homínido desde tempos inmemoriais, eu propio recoñezo que levo en min parte da súa xenética e vin exemplares destes seres pertencentes á familia dos “pithecanthropus” desde moi novo. Lémbroos a beber un viño turbo que chamaban “ribeiro”, algúns mudaron a dieta e pasaron a beber líquidos máis vermellos chamados “Carpal”, “Coes”, “Savin”…
Este homínido está en trance de desaparición, eu penso que é debido ás pantallas de televisión nos seus bebedeiros que non paran de meter fútbol na cabeza da xente e non deixan falar nin cantar, aos insecticidas da pataca, aos que matan as abellas ou a algún outro mal descoñecido. Ou quizais a algún ben, porque os viños melloraron moitísimo e hoxe por cinco ou seis euros botella xa hai uns ribeiros magníficos. Iso penso mentres mollo o bico con este branco “contra a parede” do Manolo. Iso sí, con cada especie animal que desaparece desaparece un mundo e unha importante carga xenética. Coa desaparición do “home das tabernas” vanse memoria, cancións,…
Tamén Agustín Fernández Paz anda soidoso (e que escritor non o é), e publica “A viaxe de Gagarin”. Ai, aquela cadeliña “Laika” que foi unha verdadeira estrela e unha heroína na imaxinación do mundo. E a cantas cadeliñas non lle chamaron “Laika” despois polo mundo adiante. Laika, todos te queremos, coraçón.

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal