Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

A LIBERDADE DE EXPRESIÓN E OUTRAS MIUDEZAS

Por: | 25 de junio de 2014

A liberdade de expresión. Por intentar practicar a liberdade de expresión levo vivido algúns contratempos personais e profesionais nos últimos corenta anos, concédolle moito valor. E como das derrotas tamén se aprende aprendín que mentras che deixen ter un lugar onde dicir as cousas hai que aproveitar para dicilas. Aproveitemos as ocasións, a historia de España e o que vexo que está a ocorrer dinme que é un ben tan valioso como escaso e perecedoiro.
Digamos, pois, da impunidade do PP. Se non hai a coerción da forza, a cidadanía é quen determina se nun país hai democracia ou non. A cidadanía é a garante da democracia ou é quen decide entregarse sumisa aos seus amos.
A cidadanía democrática merece leis democráticas e quen garante a legalidade do estado é a Xustiza.
Existe xustiza democrática no Estado Español? Os xuíces franquistas, TOP incluido, foron tamén xuíces na democracia. Con posterioridade, o poder xudicial foi configurado polos grandes partidos nas pasadas décadas.
O fracaso do Réxime político nacido da Transición está á vista de todos. Como “retrato de Dorian Gray” tras a pompa real e os esplendores e solemnidades das ceremonias de estado o que se esconde é a podremia da corrupción das institucións. E logo a Xustiza non é parte dese estado doente?
Como se pode comprender esa sentenza que di que acusar a un partido de partillar o terrorismo non é delito?  Non é delito acusar a outros de axudar a pór bombas, disparar...? Que é delito logo?
E visto o que está a ocorrer nos últimos dous anos, cómpre preguntarse: hai democracia aínda na España? Ou vivimos unha situación de excepción democrática?

Alonso Montero, fume, ruido e lama. Alonso Montero gusta dos petardos, mais nunca se acaba de saber ben para que os guinda, se é para facer un ben ou un mal a alguén. Non importa, ha volver arrebolar algún estalo, ruído e fume.
Agora, tras a denuncia dos incumprimentos que fixo a Mesa pola Normalización, critica a todos os gobernos da Xunta, incluido o bipartito. Non o fixo todo o ben que podería aquel goberno da Xunta, certo, porén a que os botaron fóra entraron os que anularon o decreto que desenvolvía a Lei de Normalización Lingüística. A quen beneficia esa revoltura de todos iguais? A Feijóo.
É igual a política contra o galego do PP coruñés, por exemplo, que a do bipartito? Todos os gobernos da Xunta fixeron a política do “San Juan is back”  Non, non todos son iguais, non todos son uns pailáns acomplexados tan cheos de autoodio que ignoran o ridículos que son.
Son ganas de facer fume, ruido e enlamar.
As series de televisión. Hai uns días unha profesora norteamericana de literatura fíxome unha pregunta moi avisada e moi natural que nunca me fixeran: “E que filmes ou series de televisión ves?”. Se un quere coñecer o mundo que alimenta a un escritor é evidente que, alén dos libros, hai que coñecer as demais influencias, algunhas tan importantes no noso tempo como o cinema e a tv. Confeseille os meus gustos. E a admiración por algúns estupendos guionistas, escritores.
E caio na conta de que, sendo profesor de adolescentes, nunca ninguén me falou da sicoloxía dos adolescentes, dos tremendos procesos que atravesan, da súa fraxilidade. Nin sequera de que podo ocorrer que un día unha rapaciña che pida para ir ao báter porque acaba de lle vir a menstruación. Como se pode ser mestre de rapaces e non saber nada diso, da menstruación sequera?Esquecemos as cousas primeiras e andamos a preocuparnos tremenda e pretenciosamente das cousas “importantes”, a gramática e a matemática maiormente.

Un chisco música, un chisco de alegría miúda. “XIQUI, XOQUE, FIU, FIU” 
E unha desas voces graves que tan ben cantan. O Joel Frederiksen.

Un libro que de seguro que non vai ter reseñas nos xornais, por iso hai que saber deses libros que deixan na sombra.  

A GALIZA DIANTE DUN TEMPO NOVO (Como no 75)

Por: | 20 de junio de 2014

 Non pretendo falar de se monarquía ou república, acepto gostoso o que a cidadanía decida se é que a deixan decidir. Que non é o caso.

  Só quero recordar algunha cousa de quen somos, entendo que a Galiza actual perdeu toda noción de si e está nun momento de abatemento e confusión como non se ten vivido antes. Lembro que aínda que hoxe estea tan debilitada como sociedade, como país de seu, Galiza existiu políticamente e conseguiu o recoñecemento nacional que hoxe está anulado polo PP de Rajoy e de Feijóo.
Non sabemos como se conducirá este proceso político de crise do estado e de reformulación que se está a abrir, o que é seguro é que vai haber un recoñecemento claro das aspiracións nacionais da sociedade catalá e vasca: a trapallada política que foi o “café para todos” chegou até aquí e iso é o que fracasou.
Non hai tanto, antes da crise que o rompeu e fragmentou, o nacionalismo galego nas pasadas décadas o BNG chegou a ter o 25 e o 23% do voto, de modo que non é que a sociedade galega non poda fiar en partidos propios senón que a responsabilidade de que iso non se mantivese e aumentase é dos propios dirixentes nacionalistas. Non falla a sociedade, non somos peores que outros, falla a política galeguista.

Porén, se os galeguistas son incapaces de ver a realidade social e aceptala, se son incapaces de verse a si propios sumidos na desconfianza da sociedade, tan sequera debemos lembrar aquilo do que fomos capaces.

Manifestacion autonomia

 

Lembrar as enormes mobilizacións cidadás que obrigaron á UCD e ao PSOE a aceptar que a Galiza tivese o seu autogoberno, a autonomía. Obrigámolos nós, a cidadanía galega. Aqueles dous partidos chafallaron e entramparon despois todo o que puideron, mais tiveron que recoñecer que tiñamos dereito ao autogoberno nacional. Porque como “nacionalidade” é como recoñece ao noso país a mesma constitución vixente.

Urkullu-mas-feijoo-gonzalez-efe_foto610x342

Na ceremonia co Rei no Congreso os presidentes das tres nacionalidades tiveron un espazo propio, a carón dos tres expresidentes do Goberno vivos e diante dos das demás autonomías (Que sexa Feijóo, un político delegado do PP madrileño, que fai unha política tan desastrosa social, económica e cultural, quen nos represente nesa fotografía xa é culpa da nosa incapacidade).
Para aproveitar as oportunidades dunha nova época é preciso unha outra vez, como daquela, un  movemento social amplo en torno da consideración da nación galega, en torno do autogoberno para facer desde aquí as políticas máis convenientes para as nosas necesidades colectivas.
O discurso do novo Rei é o que é, un intento de lanzar mensaxes de achegamento aos vascos e os cataláns debido ás aspiracións á soberanía que expresan esas sociedades, porén esas mensaxes van dentro dunha idea nacional de España que non permitirá encaixar a esas nacións. No seu discurso, seguramente inspirado polo goberno de Rajoy, o novo Rei fala de “sentimentos”, “identidades”, “lenguas”…, limitando a existencia de vascos, galegos e cataláns nun plano cultural e sentimental. É un erro que nace tanto da cegueira ideolóxica como do descoñecemento histórico, ignorar que responde a características propias e á historia deses países e ignorar que as demandas nacionais deses países naceron en paralelo ao discurso do nacionalismo español (Bastaríalles ler un breve libro, “La invención de España”, de Inman Fox, ou “Historiografía y nacionalismo español”, Cirujano, Elorriaga, Pérez). O galeguismo nace directamente da Revolución democrática de 1846. 
Felipe citou, iso si, ademais do inevitábel Cervantes, a un republicano exilado, Antonio Machado, a un galeguista exilado e ministro dun Goberno da República, Castelao, a Aresti, o poeta vasco autor de “La casa del padre”, e a Espriu, que representou o exilio interior catalanista. Porén, foi incapaz de pronunciar a palabra que reza na Constitución, “nacionalidades”. Hase de ver se no futuro a pronuncia e aínda a palabra "nacións".
A Galiza está sendo sometido a unha destrucción en todos os planos calculada e deseñada desde o PP e a FAES, no plano do poder político, económico e tamén no plano cultural e lingüístico. E senón consideremos a denuncia que ven de facer a Mesa pola Normalización Lingüística. Que isto se poda revertir depende da propia sociedade, especialmente dos partidos que crean que este é un país que ten dereito a existir.

  Hai uns días pasaban "Encallados" nunha sala da miña cidade, que cinema novo estamos a ter e non hai maneira de que chegue como debe á sociedade. Que traballos tan bos e que dificultades afrontan.

A Esmorga
 E tiven o privilexio de ver "A Esmorga" de Ignacio Vilar, xa nunha fase de montaxe final e antes da estrea. Blanco Amor había de estar moi contento e moi orgulloso. "A Esmorga" de Blanco Amor é unha novela bizarra e salvaxe e "A Esmorga" de Ignacio Vilar vai ser unha sorpresa, dentro e fóra da Galiza. O filme traslada todo ese salvaxismo da novela e dános unha obra que vai ser importante.

  Ah, e Kepa Errejalde, actor vasco, a falar un galego excelente. Vese que cando hai boa actitude ningunha lingua é tan difícil.

E, aínda, o filme máis lindo, máis itinerante, máis libre e máis bravo: "Yo decido".  

"Calzados Lola", en Muros. Abondos anos despois lectores advírtenme de que nese romance non especifico cal é a vila mariñeira galega na que ocorren os feitos: Muros. De modo que, contra a miña idea, miles de persoas levan anos a ler ese libro imaxinando outros lugares da súa imaxinación. Non está mal tampouco, mais eu pensei en Muros cando escribía e quixo ser un saúdo cariñoso a Muros e a ese lugar, Louro. 

Louro

NON APOIO CANDIDATO NINGUN DO PSOE

Por: | 17 de junio de 2014


Desculpen que use este blog, non teño twitter ou facebook, para negar unha especie que circula desde hai unhas horas: non apoio a ningún candidato do PSOE á secretaría do partido.
Nunca militei no PSOE, desde hai abondos anos en ningún partido político, contra a miña vontade pois entendo que a cidadanía debe construír os seus partidos, porén aínda non teño a identificación que eu querería ter con algún partido como para ser afiliado.
É sabido que nas pasadas eleccións europeas concorrín como independente na lista do BNG (considero irrenunciábel que o meu país teña organizacións propias, sen elas non existirá).

E tamén que recoñecín e apoiei como souben a aquel Zapatero que chegou na primeira lexislatura con actos valentes e que foi tropezando con tantas resistencias, entendín que tras o “Prestige” e tras a guerra contra o Irak era unha oportunidade democrática para a cidadanía española e para a Galiza. Que logo éste tropezase co poder da dereita nos medios, na xustiza, na Igrexa, que experimentase o sometemento da economía española aos mercados e que experimentase os límites da política da socialdemocracia son as cousas que ten a vida. O que nunca negarei é o meu respecto por esa persoa e a amizade con alguén que o merece.

Tamén foi evidente que apoiei un cambio político na Xunta de Galicia, derrotamos a Fraga con todo o seu poder e os seus medios (ninguén lembra iso? Alguén cre que foi doado?).
O que non é certo é que apoie a ningún candidato do PSOE pola secretaría do partido. E comprendo que todo é un mero erro humano na equipa de persoas que organicen a súa candidatura.
O PSOE merece un respecto e unha consideración. Ten un carácter duplo, dunha banda é parte fundamental do sistema político vixente, é unha máquina de administrar poder. Doutra banda, igual que hai moitos arribistas tamén hai persoas sinceras que queren unha sociedade máis xusta e encontran aí un lugar onde traballar polo seu ideal.
Mais para min o PSOE é antes de nada a organización que capitaneou e modelou Paco Vázquez e os poderes que representaba, incapaz de ser galega, clasista e pura correa de transmisión da política da corte. Coido que ten unha responsabilidade tremenda no fracaso da autonomía, do autogoberno, e desa maneira nos graves problemas sociais que ten o noso país. O PSOE terá que estar nun goberno español ou nun goberno galego que faga políticas máis xustas e democráticas, é unha realidade social que debemos recoñecer, agora que como todo na vida terá que merecelo tamén.
Arestora demostra unha gran incapacidade para aceptar a súa realidade particular e pois, a realidade. É moi difícil a quen formou parte dunha construcción separarse dela, a un partido que construiu o sistema político da Transición romper co seu pasado, mais se non o intenta non se poderá liberar dun pasado que actúa como un destino. Hoxe é un partido entregado a defender o “status quo”, un modelo económico e político que nos conduciu a ser unha sociedade absolutamente inxusta, cínica e despiadada. E unha España incapaz de aceptar a súa diversidade nacional.

Abrazado ao PP nesa causa de continuísmo non ten un futuro digno. A respecto da Galiza, aí entendo que xa non ten solución, non se pode contar con el.
Por aclarar as cousas, iso é o que entendo eu.

HERÁLDICA. "MEMENTO MORI"

Por: | 13 de junio de 2014

Hai cousa de trinta anos a TVE, a única canle daquela, emitía unha serie de filmes protagonizados por Humphrey Bogart, hoxe resulta difícil de imaxinar que filmes dos anos trinta e corenta en branco e negro puidesen ter a audiencia masiva que tiveron: a xente nos tresillos das súas casas e os cafés cheíños de xente. O conto é que eu daquela tiña un programa de radio xustamente á mesma hora, élles unha situación parecida a escribir aquí cando todo o mundo debece por ver os partidos do mundial, maiormente de “la Roja”. Así e todo, cumpramos os deberes adquiridos e poñamos algo aquí. (Aínda haberá outra abdicación, a de Vicente del Bosque, o seleccionador, a que termine o mundial. Han ver)

   E non falta xente antipatriota que quere amolar aos heroes, vexan o que lle piden aos coitados: que donen a prima aos comedores escolares. Non hai dereito!

Donadlaprima

 Postdata: A vinganza de Van Gaal. Escribín o apuntamento anterior antes de que se enfrontasen a selección holandesa e a española, ninguén podía imaxinar que lle metesen aos de Vicente del Bosque unha "chosca" tal, semellante "panadeira" (aínda se usan esas expresións? Non creo). O da "abdicación" de Del Bosque era unha intuición basándome simplemente na bioloxía, na idade.

    A derrota foi un "shock". Un dos perigos que ten a chulería ("¡a por ellos, oé!") é que cando che dan nos fociños o ridículo é abondo. 

   De seguro que agora ninguén lembrará o modo no que trataron os medios de comunicación madrileños a Van Gaal cando foi adestrador do Barcelona, poucas veces se fixo tanta burla de alguén. Toda aquela chulería. Pois resultou que aquel mangallón con cara de neno encabuxado, ademais de coraxudo non era parvo. Quen soubera holandés para coñecer o que terá comentado tras o partido ese home que se reivindicou a si mesmo, os praceres dunha vinganza merecida. 

   Con todo, aínda tratándose de heroes obscenamente millonarios, ninguén gusta de ver a cara abatida dun porteiro ao que lle acaban de meter cinco goles e dun adestrador que sempre foi un prudente e non merece castigos. 
   (E que lle queren, tamén eu acabei por ver a final do partido, quitado o volume que non aturo a voz dos locutores de fútbol).
Heráldica. O mundial de fútbol é un motor de nacionalismo ("¡A por ellos! ¡Oé!")e veremos nas aldeas e nos bairros das cidades moitas bandeiras rojigualdas, nada é inocente na vida social e esa onda rojigualda ha cubrir completamente a emerxencia doutras bandeiras que saíron á superficie estes días con motivo da abdicación do Rei. Refírome á bandeira galega coa estrela e á bandeira tricolor republicana. Sonlles todas moi lindas e uns gustan máis dunhas e outros doutras, o normal.
Entre nós, na Galiza, hai moito onde escoller. A min váleme unha azul e branca se leva o escudo do goberno galego no exilio, o Consello da Galiza, mais acepto tamén a que leva un escudo co Grial.
E tamén teño por miña a bandeira tricolor, ao cabo o noso Castelao no exilio foi ministro dun goberno desa España republicana. O galeguismo político ten que avanzar, e cando avance de vez chegará por fin ao galeguismo republicano, polo visto faltan aínda anos para chegarmos aos anos trinta do século pasado. A ver se damos chegado aló.

Bandeira reino suevo gallaecia

O que me alegrou foi descubrir aínda unha outra bandeira máis: o pendón do reino suevo. (Vinlla na apresentación do novo Partido Froilanista, que procura a proclamación da infanta Helana como raíña galega e do seu primoxénito como príncipe) Élles linda de raio e moi literaria: un dragón verde con asas e un léon vermello rampantes sobre un fondo dourado. Sempre está ben ter moito onde escoller, tamén no asunto das bandeiras.
E “Todas vuestras banderas son Made in China” (a do reino suevo paréceme a min que non), escribiu alguén nas paredes. E leva toda a razón, non se lle pode levar a contraria.Intuímos que é unha crítica ás identidades nacionais e aos nacionalismos, aínda que polo visto uns nacionalismos son visíbeis e outros invisíbeis.

E resulta que tamén as palabras que usa o escribidor nas nosas paredes son importadas e teñen unha orixe: sonlles “made in Burgos”, “made in Valladolid” ou, simplemente, “made in Madrid”.

O escribidor de paredes míralle a etiqueta ás bandeiras todas e ignora a marca das palabras que usa: non son malas nin boas, son como todas, porén tamén che teñen marca, sonlles dunha multinacional que cotiza en Madrid.
Iso de dar aulas de literatura a rapaces novos tenme algo de fantasmagoría, nos libros vexo fantasmas coñecidos.
Reparo nunha fotografía de Carlos Casares nun libro. Ningunha morte dun escritor galego tivo tanta atención como a súa e agora cando vexo a súa fotografía penso no só que está, no fóra de xogo que ficou. Non hai dúbida, a que morremos pásanos a todos, mais o caso de Casares é particularmente curioso.
Todo o poder que conseguiu en vida e que rodeou a súa morte aillouno do mundo ao que pertencía realmente, pódese dicir que se volveu en contra súa. Casares chegou a ser un prócer instituído, mais no noso país o destino dos escritores na nosa lingua é a soedade e o fracaso. Oxalá mude, porén até hoxe foi así.
Calquera persoa con personalidade é incómoda para os seus contemporáneos, Carlos foi cómodo para quen estaba de acordo coa situación instituída e incómodo para outros que padecían esa situación. Non é un xuízo de valor, cónstame que as súas actuacións foron guiadas polo que el considerou que era o mellor para a Galiza e foron coherentes coas súas análises. O caso é que ficou fóra da súa tribu e enfrontado a ela. Hoxe a súa figura pena unha certa lonxanía e soedade.
Constatamos, máis unha vez, que as cousas na vida nunca son como deberan. Gustaría de que, xa sen botafumeiro, Carlos tivese un xuízo literario e social ecuánime, pois a súa figura tiña máis peso do que lle atribuíron na primeira hora os seus admiradores tan achegados. Meréceo.

Memento mori castelao

Na apresentación de “O cranio de Castelao” (“Através” editora), Xosé Gontá acompañou as palabras escritas en man común entre galegos, brasileiros, portugueses e outros lusófonos (todos pescados polo escritor Carlos Quiroga) dunha cata de viños brancos do Ribeiro. A literatura, o viño e un cranio, “memento mori”, ese ven sendo o escenario da literatura.

UNHA CUADRILLA ASALTOU SANTIAGO

Por: | 10 de junio de 2014


Hai días nos que, en tanto que santiagués e galego, sinto desgusto polo que leva ocorrido e polo que esta á ocorrer aínda na nosa cidade desde hai tres anos. Outros días río, aínda que sexa con amargura, en todo caso é un espectáculo grotesco inenarrábel polo que non o vou contar.

  Porén, haino que explicar dalgún modo: que é todo isto, quen é esa xente, de onde saiu? Trátase dun grupo de individuos que a que chegaron á alcaldía apartaron inmediatamente ao secretario e ao interventor e puxeron dous elementos traídos por eles no sitio, unha manobra que acaba de ser declarada ilegal pola xustiza por segunda vez. A finalidade de tal ilegalidade por forza foi ocultar a eses funcionarios municipais as súas actuacións futuras: semella evidente que unha cuadrilla asaltou o concello para o seu usufruto, desfrute e expolio.


Non entraron pola forza, sen dúbida, non foi como cando chegou Al Mansur facer unha razzia, senón dentro dunha lista, baixo as siglas dun partido político e, non hai que esquecer, cos votos dos veciños da cidade. Como en Santiago todos coñeciamos o perfil de quen encabezaba a lista ninguén pode agora aducir que foi enganado: todos o sabiamos e ocorreu o que tiña que ocorrer.

  Non hai máis remedio que pararse un momento a considerar esa actuación do electorado santiagués, penso que expresa un rasgo nihilista característico da cidade.


Como en todas partes, existen localismos na Galiza. É moi forte o coruñesismo que exhibe un amor pola cidade agobiante e exclusivista, non é de esquecer o famoso Paco Vázquez que acusou a un candidato rival de… non ter nacido na cidade! O localismo que exhibe Compostela é o contrario, unha falta de amor pola cidade difícil de encontrar en sitio ningún. Só esa falta de amor pola cidade pode explicar que se lle entregase a cidade a Conde Roa e a súa cuadrilla de trapalleiros ignorantes e incapaces, faltos do mínimo decoro. Unha xente que sumiu á cidade no desgoberno e na vergoña, fixeron famoso Santiago como emblema de corrupción.
Que merecen estas persoas, alén da inhabilitación e do que diga a xustiza? Merecen unha pena social que encerra a censura dunha comunidade ofendida: merecen o desterro da cidade, para que non lle fagan máis mal.
Naturalmente que un proceso concreto e local non pode ser visto fóra dun contexto global, o saqueo, o desgoberno, o insulto, o arrastrar pola lama a Compostela non se explica fóra do que sabemos agora do PP: un partido que leva máis de vinte anos financiándose ilegalemente con diñeiro de orixe descoñecida e defraudando á facenda pública, defraudándonos a todos.

   E tampouco fóra dun proceso histórico que vivimos: a consumación da destrución da autonomía galega. Fixéronlle mal aos santiagueses e á cidadanía galega. Feijóo cerra unha etapa histórica aniquilando en todos os planos o autogoberno galego, o que ocorreu na capital de Galicia é a mostra e o símbolo do seu traballo de destrución.

   O papel que xogaron dous xornais, un coruñés e outro santiagués, no desastre é digno de analisar en si mesmo.
Falta un ano aínda para que remate esta vergoña, permitan que rescate aquí o que escribín hai xa un par de anos con respecto a esta mágoa.

SANXENXO TAMÉN EXISTE, non é só un decorado "pijolandia", é un lugar, unha vila, unha xente...E andan a acabar con el.

ISTO É A HISTORIA: MONARQUÍA OU REPÚBLICA

Por: | 02 de junio de 2014

 

2014-06-02 republica galega 20.48.54

ISTO É A HISTORIA: OU MONARQUÍA OU REPÚBLICA
A historia nunca se repite, certo, mais se non se ten perspectiva histórica non se comprende o presente.

     Os poderes económicos foron insaciabeis e devoraron todo o corpo social que puideron; a Casa Real autodestruiuse; a dereita madrileña empachou de poder e está a levar a cabo a liquidación dos elementos sociais e democráticos da Constitución; o PP e os seus dirixentes personalmente alimentaronse de diñeiro negro e defraudaron ao estado; apoderaronse do Tribunal Constitucional e encerraron a Catalunya; as principais liñas políticas estaban aseguradas polos dous principais partidos estatais, dúas máquinas de poder alternativas…E pensaban que nada había traer consecuencias, que o seu presente sería eterno e inmutábel. E resultou que todo ten o seu límite e as cousas cambian, rematou o tempo que naceu da Transición e que foi moldeado e corrixido polo golpe do 23-F, cando o Rei se reuniu cos partidos estatais presentes no Congreso, deixando fóra aos vascos e cataláns. Nese momento establecéronse as regras de xogo desta España que chegou aquí.                        

          Este sistema político acabou, o peor es que agora hai que cargar co morto , facerlle as ceremonias de despedida e enterralo. A transmisión da coroa do pai ao fillo, unha manobra política que levaba meses argallándose, é un momento especialmente delicado pois a coroa non ten o sostén da opinión pública, a Constitución está feita farrapos hai tempo, nin sequera hai unha lei que regule o traspaso…E a maior parte da sociedade, unha sociedade que padece as consecuencias de políticas crueis, entende que o sistema político está corrupto e acabado. Así pois, será unha minoría á que saia ás prazas coas bandeiras republicanas, aquí tamén coas galegas, mais non por iso o resto da sociedade está interesada en que se coroe Filipe de Borbón.

       Os dous principais partidos e os medios de comunicación de ámbito estatal sosteñen o proxecto político do continuísmo, alertarán da desestabilización e estigmatizarán a quen demande un referéndum. Mais é unha evidencia que iso é o que corresponde. 

               O Xeneralísimo (“pola graza de Deus”) impuxo a todos nós ao seu sucesor pola forza, detrás del estaban os EE.UU. e a garantía era o Exército, formado por xenerais todos eles golpistas cando Franco. Desde aquela morreu xente e naceu xente, moitas cousas cambiaran aínda que pervivan franquistas e os temores dos que se alimentan: a forma do estado, a súa estructura e a opción monarquía ou república ten que ser sometida a Referéndum. Pode que gañen os nosos amos para que todo siga “atado e ben atado”, mais han ter difícil que iso ocorra por medios democráticos pois o resultado das pasadas eleccións europeas demostra que a sociedade está máis viva do que tiñan previsto.
              Estamos na crise do estado e vai haber reformulación de moitas cousas que se precisan, o drama galego é o mesmo que afrontou na Transición: Euskadi e Catalunya van afrontar ese momento desde a súa soberanía, a Galiza, que ten graves problemas de todo tipo derivados da dependencia económica, cultural e política volverá a estar sen poder propio para negociar. Un país inerme, con menos conciencia nacional que nunca.
            Cidadáns galegos pedirán nas nosas prazas República e reclamarán a vixencia da nación galega, serán moitos ou poucos, xa se verá. Debemos ser conscientes de que este é un dese momentos nos que a Historia dá un xiro máis ou menos inesperado, estamos a vivir un momento histórico.

Republica galega

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal