Blogs Galicia Ir a Galicia

Botella ao mar

Sobre el blog

Sobre o que escribimos? Sobre a vida. A vida vivida cada día e tamén os sedimentos da vida que forman ese campo chamado "a cultura". E cultura é toda canta cousa hai que nos deixaron quedar e coa que nos remexemos. Escribimos coa conciencia de que en canto estamos a escribir situámonos fóra da vida, para contemplala desde fóra. Mais, non habemos escribir tanto que nos falte o tempo para vivir un pedaciño, xa que estamos aquí.

Sobre el autor

Suso de Toro

(Santiago, 1956) é escritor, profesor e comentarista dos asuntos que preocupan ao seu país.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

Categorías

VOU EMBORA. ADEUS E GRAZAS

Por: | 14 de julio de 2014

 Isto é unha despedida. Hai uns meses que abrín este espazo e xa marcho, non o cerro eu que o cerra o xornal: desaparecen estes blogs. De maneira que non marcho, bótannos. Antes de nada teño que llo agradecer á empresa, ofreceume aloxar un blog nesta web, dubidei e acabei aceptando. A dirección do xornal adopta agora outra decisión e está no seu dereito. Eu sinto perder a compañía de tan bos, boas, xornalistas que penduran nesta páxina de El País para Galiza unha visión do que acontece simplemente imprescindíbel.

    E sinto tamén que se cerra definitivamente unha época para min, chega un momento da vida no que todo van sendo despedidas. Tería que lembrar desde o comezo a miña relación co xornalismo, que acabou entretecéndose coa literatura. Primeiro houbo un neno que se fixo adicto a ler prensa, logo un lector atento de suplementos e suscriptor de revistas literarias, lector analítico das noticias políticas, despois redactor de panfletos, comunicados de prensa e, finalmente, corresponsal do “Ideal Gallego” e de “La Voz de Galicia”. Máis tarde, e tendo xa obra literaria publicada, columnista no desaparecido “Diario de Galicia” que dirixiu o amigo Manuel Rivas, logo en “La Voz de Galicia”, en “Diario 16”, véndose logo sen ter onde publicar e abrindo un blog como pura resistencia persoal (“Botelha ao mar”), despois colaborando regularmente en “El País” e “La Vanguardia”, esporádicamente en “ABC”, “El Mundo”, “El Periódico” e nalgunha ocasión en xornais de Francia, Alemaña, Italia…

     Non me debera queixar, houbo momentos nos que tiven boas oportunidades para publicar xornalismo, aínda que as cousas vense finalmente cando conclúen e hoxe vexo que todo foi sempre unha fuxida cara adiante, conforme eu avanzaba a terra desaparecía detrás miña. Hai unha correspondencia absoluta entre a perda de liberdade de expresión e o empobrecemento dos medios de comunicación, a prensa en papel moi concretamente, e como se foron cerrando as mornas promesas de liberdade da Transición. Agora este Goberno de políticos franquistas está reescribindo xa definitivamente e fechando esta democracia. O fracaso da prensa tradicional reflicte o fracaso desta democracia. Tamén pode ser que eu deixe territorio queimado tras miña e considero seriamente esta posibilidade, con todo penso máis ben que se trata dunha mera consecuencia deste proceso global de auto asfixia da democracia española.  

      Nunca idealicei “El País”, aínda que desde que naceu no 1976 me mereceu respecto. Sei de persoas que teñen enmarcada a primeira páxina do primeiro número deste xornal, ilustra moi ben até que punto este xornal representou para moitas persoas o desexo de vivir nun país novo e a necesidade de novas referencias tras a morte de Franco. “El País” foi durante décadas un signo de identidade para persoas dunha xeración, os lectores deste xornal souberon durante décadas que partido tiñan que votar (até que o xornal rompeu con Zapatero), que libro tiñan que ler, que filme tiñan que ver, que opinión tiñan que ter…”El País” foi o prescriptor ideolóxico de amplos sectores sociais e fornecedor dos produtos cos que construir a identidade persoal dos españois que quixeron ser modernos, actuais e progresistas. Un éxito xornalístico así só se pode comprender polas circunstancias históricas de España.

      Teño curiosidade por saber se iso aínda é así. Paréceme evidente que esa identificación xa non se estableceu con persoas das xeracións posteriores, aínda que isto é un rasgo común do novo tempo: cada vez menos persoas teñen unha referencia ideolóxica clara, ora un xornal, un partido, unha crenza, unha idea…

    Sempre discrepei con importantes ideas de fondo da liña ideolóxica do xornal, a concepción da sociedade e da democracia, a idea de España como nación orgánica, tan debedora da “España invertebrada” de Ortega, e o lugar que se lle asignaba a Galiza. Non esquezo cando a UCD e o PSOE pactaron deixar a Galiza sen autonomía e, perante as enormes mobilizacións cidadás a reclamar autogoberno, este xornal editorializou o de “manifestación de caciques”. Non eramos reses conducidos por caciques, eramos cidadás que reclamabamos ao estado español a democracia como galegos.

    Tamén vin con ambivalencia o papel que xogou este xornal na creación dun novo público para a literatura, artes na España: valorei aquel papel animador e creador dun público que antes non existía, porén percibín tamén un dirixismo que buscou conformar a ese público e decidir finalmente que cousa existía e cal non, no campo da creación igual que no das ideas. Houbo un momento no que “a literatura española” eran os autores que asinaban en “El País” ou publicaban na editorial do grupo. Hoxe xa a ninguén lle importa nada, pois o mercado esfarelou e arrasou coas regras de xogo do mercado cultural español. Naturalmente, conforme a democracia española nacida da Transición foi avanzando no seu arco de vida, cerrándose, e este xornal andou decididamente ese camiño fun sendo máis distante e crítico coa súa liña.

      O xornal cambiou, se callar eu cambiei, todos cambiamos. Porén, durante anos o xornal foi xeneroso comigo e permitiume publicar xornalismo nas súas páxinas, cun acordo de colaborador durante anos publicáronme tribunas, reportaxes e mesmo entrevistas. Permitíronme manter polémicas literarias e ideolóxicas con varios autores que o xornal ten por referencias súas, para expresar as miñas ideas desfrutei de anchos límites. Vendo como cambiaron as cousas, hai menos dun ano quixen testar o interese do xornal na miña sinatura e os límites de expresión para min e comprobei como as miñas opinións xa non cabían . Que lle habemos facer, a vida é así.

    En conxunto a miña experiencia no eido do xornalismo foi moi clara.Dunha banda puiden publicar algúns miles de artigos e aínda que non existe un público que me lese ao longo dos anos e me puidese dicir se estivo ben ou mal a cousa, si comprobei que xamais mereceron un premio de xornalismo, nin sequera cando presentei algún artigo a concurso. O que escribín non é premiábel, iso fixo.

   Doutra banda, houbo un momento no que conseguín unha situación na que puiden escribir, e os meus libros foron reseñados, en todas as cabeceiras galegas e, despois, tamén nas madrileñas e, de aí, pasei a ficar completamente fóra do seu espazo. Penso que seguen abertas para min as portas da prensa catalana (o quiosco catalán é o máis democrático de España, nel conviven as visións contrapostas da prensa catalana e a madrileña) mais é unha prensa que non é lida onde eu vivo e, para min, escribir xornalismo é manter un diálogo cunha comunidade que un poda imaxinar e recoñecer. A sociedade catalana ten o meu respecto e admiración, mais non vivo alí. De modo que o meu lugar hoxe, se quero opinar, só pode ser o que aínda consideramos unha periferia, a Rede.

    Ben pode ser que a culpa fose miña, e sen dúbida cometín erros pois quen leva publicados xa miles de artigos por forza errou moitas veces, mais en conxunto non estou a desgusto con esa culpa que me teña conducido aquí. Fixen o que quixen, e o que eu quería era expresarme con liberdade.

     A liberdade de expresarse libremente ten costes e hai que pagar as facturas, ás veces son cuantiosas. Imaxinen o caso dun escritor que vive do seu traballo e que ve como, por decisión política e motivado por un artigo de opinión, é fulminado como colaborador dun xornal e ademais ve como os seus libros e os seus actos públicos desaparecen da información, un escritor e os seus libros “desaparecidos”. Imaxinen tamén a unha persoa que é difamada polo poder político nos medios de comunicación e que eses mesmos medios de comunicación lle impiden defenderse. Imaxinen unha campaña de denigración e difamación sostida durante meses por un xornal madrileño, o “ABC” que dirixía entón José Antonio Zarzalejos. Ou imaxinen que o poder político actúe para que un concello lle derrube a casa a unha familia polas ideas políticas dun cidadán. Imaxinen agora que todas esas cousas lle poden ocorrer neste país a unha mesma persoa por expresar as súas ideas públicamente, esas cousas ocorren.

    Realmente as nosas palabras teñen efectos, e por iso a liberdade de expresión é atacada sistemáticamente polos inimigos da liberdade. Comunmente acabamos por chegar ao lugar onde os nosos pasos nos conducen. E somos conducidos polo noso carácter e a nosa personalidade, a nós tocounos camiñar a través dun lugar chamado “Galicia” que está dentro da España.

   E, hoxe máis que nunca, España é puramente Madrid. Vou vendo que a España, Madrid, non ten amaño, non vai cambiar. Intervín como souben no debate sobre España a procurar un lugar para existirmos dentro do estado os cidadáns que consideramos pertencer a outra nacionalidade distinta da España estado nación (“Españois todos”, “Outra idea de España”), tras o vivido estes anos pasados son completamente pesimista.

   Tamén temo que Galicia non dea escapado dun verdadeiro cárcere: a idea de que somos un fracaso, a idea que nos introducen a ferro quente e repiten de que somos uns pobriños que dependemos e precisamos a un Madrid que nos protexa, someta e mande. Iso baséase na negación das nosas posibilidades e,mesmo, no descoñecemento ou ocultamento dos logros desta sociedade nos distintos campos.

Temo que este país non dea ordenado as súas forzas para ser dona de si, un país cívico e libre, ese soño que chamamos “Galiza”. Facer destas catro provincias dependentes de Madrid unha sociedade con conciencia de si e orgullo cívico, capaz a tomar as súas propias decisións é tarefa que só poden facer sectores sociais do propio país, é traballo a dirixir polo galeguismo.

    O galeguismo, tras a Guerra e a desaparición do Partido Galeguista republicano, reformulouse dun xeito que chega até hoxe, pasaron anos e décadas e non se pode ocultar que o xeito no que existe hoxe o galeguismo político non ten o recoñecemento da nosa sociedade. Isto pagámolo a cidadanía en todos os ámbitos, económicos, profesionais, persoais, culturais…(Pois a nosa cultura é hoxe máis fecunda que nunca malia carecer de protección e de instrumentos. Porén, o poder político actual e os medios manteñen esta creatividade lonxe da maioría da sociedade). O galeguismo debera aceptar que, até hoxe, ten fracasado en conseguir ese pacto de recoñecemento co noso país e debera volver a pensar con humildade a terra e o tempo, a sociedade e o tempo histórico.

   Esa debilidade do galeguismo permitiu que fose a dereita españolista e o centralismo en xeral quen construiu as novas institucións nacidas da autonomía. Así reinou e reina a dereita que está a limitar e desfacer o país. E así están as institucións culturais ocupadas tamén por ese desvío do galeguismo que abriu Ramón Piñeiro e que deu lugar a unha camada de burócratas que ofician as liturxias do poder, un grupo humano sectarizado e excluínte que se coopta e vive separado específicamente dos activistas e creadores culturais e, en xeral, da sociedade. Este país ten unha dramática falta de referencias cara onde mirar, faltan na cena pública persoas que encarnen tanto os logros como civismo e decencia, e temos falta de líderes sociais e políticos. Cando aparecen, unha e outra vez os poderes que nos afogan conseguen silencialos e condenalos á escuridade. Con todo han seguir aparecendo, o rexeneracionismo galego é unha forma de loucura recorrente por xeracións e xeracións. Eles farán o seu traballo de destrución e nós insistiremos. O presente é duro, e cando non foi, así e todo fiemos no que escribiu Teócrito, “en tanto hai vida, hai esperanza”.

    Cando comecei este blog tiña conciencia de que podía non durar, esa urxencia fixo que tampouco lle dedicase tanto tempo ou atención, non sei se os contidos que fun subindo seguirán na rede en adiante aínda que tampouco se perde moito. Sobre outra cousa calquera, aproveitei para dicir o que quixen en cada momento, se fun expresivo de máis ou se fun insistente nas teimas, as miñas desculpas. Pido que se comprenda tamén que o fixen nesa conciencia de que había moitas cousas que dicir, que non había onde dicilas e que non se dicían. Tamén se explica pola miña convicción de que a palabra ten poder para cambiar as cousas e hai que aproveitar cando che deixan. Eu, polo de agora, manterei cada quinta feira o acordo de colaboración con www.eldiario.es, colaboracións que adoita editar en galego tamén “praza.com”. (Ah, e aí para outubro sairá “Somnámbulos”, un libriño literario que hai catro anos ficou apartado e, contra a miña vontade, deuse maña para abrirse camiño dentro miña e saír.)

    E máis nada, obrigado ao xornal que me acolleu e obrigado ás persoas que leron todo isto. Saúde.

    Voume deixando un convite a algunhas pezas musicais, o mesmo cando cheguemos que cando marchemos fagámolo con música. “Je te veux” é unha canción do único Erik Satie, moi ben cantada por Jessye Norman. Deuma a coñecer un excelente editor literario, repartidor de descubrimentos artísticos e home difícil, Luis Mariño.

  “Lonxe da Terriña”, de Aureliano Pereira e o mestre Montes cantado polo inigualábel Faustino Santalices que nos fai sentir que así é como se canta.

Charles Aznavour dinos o contrario, quere ser levado lonxe (metín unha cita da canción en "Sete palabras").

 A despedida máis rendida, a de Johny Cash en “Hurt” , de "Nine Inch Nails".

Escribín varias novelas acompañado da música de “Requiems”. Vai aquí un cachiño do inefábel e do sublime, ou como se lle queira chamar. O “Pie Jesu” de Fauré.

 Non me había perdoar eu o esquecer a Violeta Parra, por se non a coñecen ou por se esqueceron aí vai.

E non habemos marchar sen ritmo e ruido, árdelle o eixo! “Highway to Hell”. O inferno é o lugar onde van os rapaces que se portan mal. 

Obrigado e adeus.

 

P.D: Sobre Filgueira Valverde, é preciso un bo vendaval de ar limpo e de verdade que limpe as arañeiras e o cheiro a podre da cultura galegueira oficial. 

UN ANO PARA FILGUEIRA VALVERDE: BURLA, LOUCURA OU PROVOCACIÓN?

Por: | 07 de julio de 2014


O “Día das Letras Galegas” é esencialmente mortuorio tal como el se celebra. Ese modo triste de celebrar a vida da nosa lingua naceu nun tempo que era hostil e naceu encollido, o triste é que chegou así até aquí. A sociedade galega debera ser capaz nesta altura de darlle forma a outra maneira de pór en valor a creatividade na nosa lingua e a afouteza duns falantes que seguen a sostela contra a Historia e contra todo. Non insisto, xa o repetín moitas veces. E sobre as academias en xeral e a RAG en concreto tampouco vou insistir. 

O que si, a escolla da figura que fixeron este ano os académicos e académicas da RAG presenta todos os rasgos da perversión, pídesenos que aceptemos a loucura.Que lle fagamos unha gabanza a Filgueira Valverde. 

 A figura é presentada cunha aparencia de racionalidade, trátase dun “polígrafo”, un estudoso da nosa cultura. Mais ese labor seu de estudoso tan particular, Filgueira Valverde non foi unha figura que creara escola, non pode ser visto en abstracto fóra do contexto do propio país e do seu tempo. Pídennos que celebremos un home que, sen verse obrigado e de motu proprio, serviu e fixo próspera carreira política no Réxime, ese réxime que condenaba a desaparecer a propia lingua e cultura á que el dedicaba atención. Que asasinara e encerrara aos outros "polígrafos"...

É unha contradición existencial ben interesante a desa persoa. Porén, nós debemos ver o significado de escoller esa figura para ser homenaxeada no contexto do noso propio tempo e país.
A recuperación da autonomía foi unha oportunidade histórica en boa parte perdida, así e todo até a chegada de Feijóo nunca houbera unha administración que fixese unha política explícita en contra da normalización da lingua galega. A intención fixérona evidente Ana Pastor e Alfonso Rueda nas vésperas da campaña electoral xuntándose cos autobuses chegados de Madrid e capitaneados por Rosa Díez para manifestarse contra a política lingüística. Chegados a Xunta foron sistemáticamente implacabeis en todos os niveis onde puideron perxudicar a situación do galego.
Non debera ser preciso que se lle explique a eses académicos o que fixeron, mais hai poucos días o actual Presidente da RAG, Alonso Montero, igualaba esta administración coa da Xunta presidida por Pérez Touriño e iso é un outro disparate ou unha infamia. Feijóo, no tema da lingua como en todos os temas sociais, é único: dedicouse a desfacer o que comezaron a facer os predecesores. Igualalo coas administracións anteriores, relativizar e aínda negar que Feijóo teña unha política lingüística específica contra o galego, é o modo que ten o Presidente desa Academia de darlle amparo.

(A figura de Xesús Alonso Montero está a ter unha visibilidade destrutiva para el propio. Sempre recoñecimos o maxisterio que Alonso Montero tivo no franquismo como divulgador da nosa literatura mais tamén nunca deixamos de ver as súas actuacións contradictorias. Finalmente esas contradicións internas súas acabaron por dar unha figura que acabou por ser destructiva para si propio e para a lingua e cultura galega. Pasar a vida a danzar abrazado a un propio remata no delirio.)
É neste contexto no que se quere canonizar a figura de Filgueira Valverde, non é unha figura elexida inocentemente. É unha outra manobra para lexitimar a quen practican políticas destructivas contra a lingua e a cultura galega.
A Real Academia Galega móstrase con toda naturalidade como outra mostra do fracaso do galeguismo no periodo aberto tras a morte de Franco. Institucionalizouse o galeguismo máis sometido ás políticas centralistas e colonialistas, quer no plano lingüístico quer no plano cultural e ideolóxico.

É normal que Carvalho Calero e todo o que representa non caiba nesa Academia, tampouco cabería Castelao de vivir hoxe.

E se Alexandre Bóveda non fose fusilado, se puidese ter sido ministro de economía do goberno galego que creaba o noso estatuto, e se tivese escrito ensaios sobre economía e sociedade, tampouco non entraría nesa entidade. Filgueira Valverde, precisamente, foi testemuña de que iso non foi posíbel. 

O galeguismo republicano extinguiuse e unha vez e outra os suplantadores crávanlle cravos na súa caixa.

O que ven de facer é unha provocación á cidadanía que sostén a nosa lingua contra todo, unha outra fenda nun corpo debilitado e atacado.

 A manobra de provocación correrá do seguinte xeito: Alonso e os seus e Feijóo e os seus celebrarán solemnes a figura do "polígrafo, cando se escoiten as protestas acusarán: "sectarios", "radicais", etc. E constituirá un novo episodio de acusación e estigmatización dos activistas da lingua. 

Non pedimos demisión de ninguén pois nin somos socios desa institución nin escollemos aos seus membros, mais como había dicir Rosalía "non che digo nada, pero vaia!". 
Moit@s non celebraremos a figura de Filgueira. O traballo que fixo Filgueira Valverde debe ser recoñecido no que val, mais non é unha figura que a nosa sociedade debe considerar exemplar en ningún sentido. Polo contrario, é un pésimo exemplo cívico.

Quen queira celebrar que a lingua sobreviva, viva e ría, non o celebrará. Quen queira celebrar os traballos e as vidas de quen optou por darlle vida ao galego, non o celebrará. E os galegos que teñan vergoña tampouco non o celebrarán.

E se queren "polígrafos" aí teñen ao Víctor Lis Quibén. Víctor Lis foi un personaxe singular e fascinante, cruzouseme cando escribín "Home sen nome" e sempre me quedou a curiosidade. Pontevedrés tamén como Filgueira, pertenceu tamén ao Seminario de Estudos Galegos, deixounos un estudo antropolóxico moi interesante sobre a medicina tradicional. Xa de franquistas, franquistas de vez.
Din de nós. As enquisas din de nós que somos desconfiados e non sei cantas cousas máis, non importaba se non fose porque tamén moita xente de aquí asume esa visión e repite que somos desconfiados e non sei cantas cousas máis. Aceptamos a visión dos outros e así nos vai.
Mais para saber como nos seguen a ver “os outros” abonda con atender a unha noticia que redactou a redacción da Galiza deste xornal e, sobre todo, ler os “posts” que veñen a continuación. A noticia apareceu na web na edición para a España, de modo que os “posts” son moi significativos da visión dos galegos por parte dos lectores deste xornal na España. Contemplen como a noticia dun crime se transforma nun debate cheo de prexuízos, desprezos e xenofobia cara a nós. É o que hai. E quen sabe se non o merecemos, por parvos.

Frankfürt: Europa muda e estalle a nacer un Wall Street nesa cidade. A realidade etérea dun centro de poder financieiro alemán europeo está a cobrar forma e volume, estase a levantar un impúdico castelo de torres de poder. E moi perto érguese xa o falo co que o Banco Central Europeo gobernará as nosas vidas.

Na pinacoteca da cidade dei do retrato do cortesano señor Goethe, non quero evitar a admiración intelectual polo autor de “Poesía e Verdade” nin tampouco a miña distancia crítica co modo no que interpretou o rol de intelectual. Dunha banda os seus puntos de vista son sempre dunha grande intelixencia e hainos que tomar en consideración, doutra banda o seu papel a respecto do poder resumiuno moi ben nunha expresión que non deixa de ser ambigua, “eu prefiro cometer unha inxustiza que aturar a desorde”. 

Diante do retrato do Goethe lembrei a Carlos Casares, non lembro ter comentado con el concretamente as opinións sobre o Goethe, mais de seguro que era unha referencia. Carlos representou un esforzo de darlle racionalidade e sentido de realidade á cultura en lingua galega, non concordei co modo no que el interpretou iso. Con todo extraño ás veces a súa presenza, por conversar disentindo maiormente.
Chegoume pola radio unha canción de outrora, “Fonte do Araño” do Emilio Cao. Aquel disco foi unha novidade no seu momento e abriu camiños que logo foron andados, é ben lembrar os pasos andados e saber como se chegou a esta fronda de músicos galegos.
O terríbel é que este país non ten os medios para que esa realidade chegue á xente, descoñecemos o capital artístico que temos. Iso é o que tratan, facer que acoren xeracións extenuadas unha tras doutra. Ignoramos cousas novas que van ocorrendo e que son iso, novas. 

Gmail en galego.

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal