Blogs Galicia Ir a Galicia

O raro e antigo debate sobre Filgueira Valverde

Por: | 12 de julio de 2014

Filgueiravalverde

Pode  cuestionarse,  como  o  fai  Manolo  Bragado,  a  oportunidade  de  dedicar  o  Día  das  Letras  Galegas 2015  a  Xosé Filgueira  Valverde. A  muller  do  César  non  só  ha  de ser  honrada,  senón  que,  ademais,  debe  parecelo. E  dado  que  vivimos  baixo  a  éxida  de Feijóo,  e trátase  do  primeiro  ano  de  actuación  da  nova  executiva  da  RAG,  e  estaremos  en período  electoral  o  ano  que  ven,  e  Filgueira  foi  Conselleiro  con  Fraga,  tal  vez  fora  oportuno,  para  espantar  as  moscas,  que  os  escollidos  fosen  ou Don  Ricardo  Carvalho  Calero,  home  de  ben,  sen  sombra, de  impoluta  tradición  galeguista,  ou  Manuel  María,  de  quen se  cumpren  dez  anos  da  súa  morte. Iso,  sen  demérito  da  obra  ensaística  e  filosófica  de  Fernández  de  la  Vega  ou  da  poética  de  Xela  Arias.   

    Para  maior  bondade  a  elección  de  don  Ricardo  podería  ser  a  ocasión  para  discutir  sine  ira  et  cum  studio sobre  a  opción  reintegracionista  -algo  que  haberá  que  abordar  antes  ou  despois  francamente-. A elección  de  Manuel María,  escritor  de  indiscutible  merecemento, non  só  polo  lado  cívico  e  poético,  senón  polas  impagables crónicas  de aquela  deliciosa  sección  “Andando  a  terra”,   tendería  pontes  e  disolvería  suspicacias. En  realidade,  é  de  supoñer  que  nos  próximos  anos  eles  sexan  os  receptores  das  honras  da  Academia  e  da  sociedade  galega. Así  debería  de  ser  e  fago votos  para  que  así  sexa.

CarvalhoCalero

    Agora  ben,  non  se  ve  ben  porque  Filgueira  Valverde  non  habería  de  merecer,  tal  vez  nun  contexto  menos  difícil  ou  susceptible  de  ser  interpretado  á  luz  da  sospeita,  o  Día  das  Letras  Galegas. Filgueira  foi  un  sabio  e,   segundo  creo,  ninguén  discute  a  súa  valía  como  intelectual  e  erudito.Tampouco o  seu  labor  en  favor  da  cultura  do  país. Fundador  do Seminario  de  Estudos  Galegos,  creador  do  museo  de  Pontevedra,  conservador  do  casco  vello  da  súa  cidade:  esa  é  a  súa luz. Ter  permitido  a  instalación  de  Ence:  esa  é  a  súa  sombra.Tal  vez  non  foi  un  exemplo cívico,  pero  aportou  o  seu  grao  de  area. Hai  moitos  anos  que  lin  o  Adral  e  o  Segundo Adral  e  queda  na  miña  memoria  a  maneira  en  que  daba  conta  do  Códice  Calixtino  e  a  deliciosa  e  nutrida  lista  das  nacións  que  no  medievo  concorrían  no  Camiño  de  Santiago  en  peregrinación.  Que  foi  alcalde  de  Pontevedra  e  procurador  franquista  ninguén  o  negará.  Pode  aducirse  a  escura  historia  da  súa  ausencia  no  xuízo  que  condenou  a  morte  a  Alexandre  Bóveda,  contado  por  Xerardo  Álvarez  Gallego  no    libro  sobre  o  asasinato polas  autoridades  fascistas  do  líder galeguista. Atenúa  a  acusación  o  feito de  que  a  familia  do  mártir  fusilado  ten  disipado  a  acusación,  tal  e  como  puidemos  ler  a  pasada  semana. Supoño  que  debemos  crerlles.    

   Agora  ben,  indo  ao  punto  sen  emboscarse  ¿ por colaborar  co  franquismo,  agora  que  este  xa  é  pasado,  non  merece  un  escritor  o  Día  das  Letras  Galegas ?. Esa  é  a  discusión  que  rememora  o  vello  debate  sobre  a  relación  entre  cultura  e  compromiso,  neste  caso,  compromiso  co  país.O  que  algúns  aprendemos  desa  discusión  é  que  os  lugares  de  sombra  son  máis  numerosos do  que  supoñen  os  que  imaxinan  un  mundo  prístino. Tamén  en  Galicia,  segundo  temo. Aos  máis  vellos  do  lugar  se  nos  dispara  o  cerebro  inmediatamente  e  lembramos  o  caso  Heberto  Padilla  na  Cuba  de  fins dos 60,  ou  pensamos  en  Pasternak,  Ajmatova,  ou  Mandelstam:  nos  autores  sacrificados  ou  censurados  pola  potencia soviética  que  detivo  a  Hitler. Ou  en  Ilyá Ehrenburg,  que  tanto  debeu  calar  para  sobrevivir  a  tantas  persecucións. Sabemos  que  a  relación  entre  o  espírito  e  a  acción  é  complicada,  por  non  dicir,   que,  ás  veces,  perversa. Que  dicir  de  Heidegger ?  Non  gañaría,  dende  logo,  ningún  premio  por  defender  a  democracia  liberal. Foi  un  nazi,  como Carl  Schmitt,  que  tanto  se  deixaba  caer  por  Santiago. Pero,  poderiamos  entender  a  Filosofía  e  o  Dereito  do  noso tempo  sen  facer  referencia  ao  un  e  ao  outro ? Non  cabe  organizar  un  Congreso  Internacional  sobre  a  súa  obra  e influenza ?.  

   As  dúbidas  acumúlanse  e  cabe  diferenciar  o  valor  intelectual do  cívico  e  o  valor  das  cousas  coas  que  estamos de  acordo  do  valor  das  cousas  coas  que  non  estamos  de  acordo. Difiro  en  case  todo  de  Fernando  Savater  ou  Vargas  Llosa:   pero  moitas  veces  os  leo  con  pracer. José  Bergamín  ou  Alfonso  Sastre,  para  dar  dous  nomes  significativos, merecerían  maior  recoñecemento  na  cultura  española  do  período  democrático,  como  tamén  moitos  autores  do  exilio, así  García  Bacca  ou  Arturo  Barea,  descuberto  tarde  e  mal. Pero,  debemos  imitar  a  mirada  selectiva,  politicamente  orientada,  de  radio  estreito,  do  establecemento  español ?.  A cultura  da  transición  foi  estrábica,  sen  dúbida,  e  organizou  as  entronizacións  e  os  silencios  conforme  aos criterios  do  politicamente  correcto. Todos  lembrarán  aquela  bodeguilla  infausta -De  Felipe  e  Aznar,  a  Rajoy  non  se  lle  coñecen  esas  pretensións- pola  que  pasaron  tantos  escritores  españois para promover  as  súas  carreiras  e  exercer  de  cortesáns.

   Xa  non  falemos  da  práctica  ausencia  de  recoñecemento  das literaturas  en linguas  non  castelás  polas  institucións  e  os  medios  de  comunicación  estatais. Describe  moi  ben os límites do  pluralismo  español  que  se  acaba  cando  ten  que  celebrar  ou  promover  a  propia  diversidade  hispánica. Na visión asumida  pola  cultura  castelá  parece  como  se  se  trátase  de  anomalías  a  eliminar  por  consunción. Pero  unha  cultura  como  a  galega  ha de  ser cosmopolita,  aberta,  democrática. Orfos  da  protección  dun  estado  non  podemos  permitirnos  o  luxo  do  sectarismo.Moito menos  aínda  que  imperen  tristes  policías ideolóxicas  e  lingüísticas  como  as  que  practica  a  alucinada  Gloria  Lago.  

  Untitled

 

  No  caso  catalán  tense  discutido  sempre  acerca do  erro –que  para  algúns  segue  sen  selo-  de  non  terlle  concedido o  Premi  D´Honor  de  les  Lletres  Catalanes  a  Josep  Pla,  home de  Cambó,  e,  nun  tempo,  próximo  ao  franquismo.Tanto como  para  segundo  certas  informacións  ter  sido  espía do  réxime.Parece  razoable  se  un  le  as  bases  do  Premi "el premi és atorgat a una persona que per la seva obra literària o científica, escrita en llengua catalana, i per la importància i exemplaritat de la seva tasca intel•lectual, hagi contribuït de manera notable i continuada a la vida cultural dels Països Catalans". Pero  sen  dúbida  algunha  Pla  foi  un dos  grandes escritores  que  Cataluña  pode  ofrecerlle  ao  mundo,  a  ese  circulo  eterno  que  alimenta  a  mente  humana. Pla,  xornalista  con  acento  de  pagés,  irónico  e  retranqueiro,  posúe  unha  valía que  o  acerca  a  Montaigne  ou  Stendhal. Por  certo,  e  a  propósito:  o  Premi  dáse  a  escritores  vivos. Non sería  hora  de  que  a  RAG  cambiase  o  seu  criterio  e  incluíse  autores  vivos ?. Méndez  Ferrín  ou  Neira  Vilas  serían candidatos  indiscutibles.  

    Deixarei  caer  o  nome  de  Céline,  extremo  antisemita  mencionado  cada  vez  que  se  discute  a  mala  relación  entre xenio  literario  e  bondade  humana. A  estas  alturas,  mencionar   a  Borges  sería  inevitable. Borges,  Premio  Cervantes con  Gerardo  Diego,  sendo  tantos  homes  non  só  foi  aquel  home  que  aquela  noite  non  tivo  aquela  noite  entre  os  seus  brazos  a  Matilde  Urbach  senón  que  noutras  vixilias  apoiou  á  infame  ditadura  militar arxentina. Que  haberiamos  de  facer con  el ? Lelo  a  escondidas,  non  celebrar  o  seu  xenio ?

Celine1950

    Non  hai  evidencia,  segundo  creo, de  que  os  escritores  se  conten,  por  principio,  entre  os  seres  anxelicais,  nin tan  sequera  entre  os  elfos,  os  gnomos e  outros simpáticos  seres  lendarios. Non  parece  que  os  escritores  se  movan por  impulsos  de  bondade  máis  do  que  os  zapateiros  ou  os  dentistas. Saramago  foi  un  bancario  ata  o  seu tardío  éxito  literario. Gregorio Morán,  sempre  tan  arriscado,  da  conta  nun  dos  seus  últimos artigos  de  Segundo  Serrano  Poncela. Sóalles ?. Eu,  debo  confesar,  non  o  coñecía.Morán  nos  informa de  que  é  un escritor  inconmensurable  e  responsable  da matanza  de  Paracuellos  del  Jarama. Como  el  o  expresa,  o  que se  comeu  o  marrón. Outra  asociación  difícil de  establecer  só  para  mentes  dunha  inocencia  descomunal.  

   Pero,  mesmo  entre  nós,  que  haberiamos  de  facer  con  Cunqueiro,  home  que  foi  un  tempo  de  Falanxe ?  Habémolo  de  excomulgar ? Habemos  de  negar  ao  máis  grande  autor  da  literatura  galega  do  século  XX ? E  que  dicir  de  Risco,  o de  Mitteleuropa  e  o  da  “Historia  do  demo”,  panxermánico  mesmo  “cando  Risco  era  alguén”,   afecto  ao  franquismo  ata  o  punto  de  escribir  os  seus  artigos  en  La  Región  enaltecendo  o novo  réxime  no  mesmo  momento  en  que  a  ditadura estaba  fusilando  aos  seus  antigos  compañeiros ?  ou  de  Noriega  Varela,  o  saudosista  correspondente  de  Teixeira  de  Pascoaes,  que  como  Risco  participou  nos  actos  de  reposición  do  crucifixo  na  escola  e  cantou  ao  ditador ?.   Todos  eles  foron  merecedores  do  Día  das  Letras  Galegas,  debemos  retrospectivamente  impugnar  esa  elección ? Debemos escoller  só  aos  que  foron  exemplo cívico ? É  unha  opción. Pero creo  que  nos  retrotrae  a  un  momento  anterior  do debate. Sinceramente,  non  vexo  como  pode  sacarse  a  Quevedo,  feroz  antisemita,  do  podio  da  lingua  castelá. Celebrar unha  literatura,  lembremos  isto,  non  significa  santificar  o  pasado:  é  tamén  unha  ocasión  para  confrontalo. Debemos ler  a  Ezra  Pound,  e  lembrar  que  apoiou  a  Mussolini. A  un  autor  pode  amárselle  e  poñelo  no  cárcere,  como  fixeron  as  autoridades aliadas  co  autor  dos  Cantos. Recordar  as  miserias  e  os  desvíos  da  cultura  nunca  está  de  máis. E  foron e  son  tantos… Podemos  recoñecer  o  valor  de  Filgueira  e  discutir  a  súa  práctica  política. A  ecuanimidade  nunca  está  de  máis.

Ezra_Pound_1945_May_26_mug_shot

Hay 7 Comentarios

Hace años entrevistaron en la TVG a un eminente médico oriundo de Pontevedra y que trabajaba en USA. A lo largo de la entrevista comentó las mofas que Filgueira (catedrático de instituto) dedicaba a los muchachos del medio rural que acudían a sus clases y que no se expresaban bien en castellano, dado que su vida había transcurrido entre gallego hablantes.
La personalidad del entrevistado no me dejó en su momento dudas sobre la veracidad de sus comentarios.
Y, para mí, una persona así, aunque haya publicado miles de documentados artículos, no merece que se le dedique el Día das letras galegas.

Primeiro,o Holocausto non debe ser obxecto de comparacións obtusas. Segundo,seica o franquismo entrou en Galicia polas bombas tiradas por Filgueira, e os que nos defenderon do xenocidio cos seus kalasnikhovs foron Paco Rodríguez e algún dirixente máis de partido nacionalista en declive? Hai xente que non sabe literatura,non sabe historia e ten pouca vergoña.

Qui sine peccato est vestrum, primus in illam lapidem mittat

O que non se di neste artigo é o que supuxo o franquismo para o pobo e a cultura galega (por extensión para a nosa lingua que é o que se honra o 17 de maio). O FRANQUISMO foi un auténtico xenocidio o noso holocausto non recoñecido. Imaxinades aos xudeus celebrando o seu dia das letras adicándollo a un colaboracionista cos nazis?. Por favor Antón "Esperta do teu sono"

Hai pouco, o propio Antón Baamonde publicaba un excelente artigo sobre o nacionalismo actual. Hoxe quero incidir no tema, extensible a toda a esquerda: creo que está caendo no erro de solcionar as cousas anacronicamente. Que prefiren descargar a vara sobre o lombo do pasado ca actuar sobre as súas propias contradicións, sobre os retallos fascistas que acubillan, en forma de despotismo, caciquismo e asuntos parecidos -dígoo eu, non Antón-, que se traducen en disparatados intentos de control que esganan as organizacións nas que actúan.
Sorpréndeme que aínda teña predicamento un Felipe González, que permitiu a deportación a mil quilómetros dun funcionario que se atreveu a cuestionar con retranca o uso do iate Azor por parte do presidente do goberno. Naquel momento, quedamos todos calados; hoxe seguimos escoitando as guerras do avó.
Aquí, en Galicia, temos unha esquerda incapaz de artellar unha alternativa, ignorante do que significa a administración pública, devecida de ocupar postos e refractaria a se formar para exercer dignamente responsabilidade xestora. Centrada unicamente en enarborar algunha bandeira, cada vez máis luída e menos crible.

Gran artigo do profesor Baamonde. Os críticos de Filgueira o que fan é tentar de xibarizar a cultura galega. Os países e as linguas con orgullo distinguen a obra literaria dos outros elementos da vida dos escritores. Risco,Cunqueiro e Filgueira son xente brillante intelectualmente.Persoalmente é outra cousa,pero eu quero ler libros, non beber con eles. A min danme a risa estes mediocres aprendices de comisarios políticos.Esquecen a moitos que viviron ben no franquismo pero logo viraron a chaqueta e sacaron o carnet do partido. Menos mal que a cultura galega non a van definir estes apparatchik seudoanalfabetos.

Excelente artículo. Las personas somos objetos muy complejos, con muchas caras y repliegues, e intentar simplificar y reducir a una a un solo aspecto o color solo produce errores. La vida no es una película del oeste con buenos y malos, todos somos buenos y malos alguna vez. Pero el arte permanece.

Los comentarios de esta entrada están cerrados.

O café na trincheira

Sobre el blog

Un blog de análise política, comentario de libros, socioloxía a machado, venalidades e bagatelas varias e etcétera. Totalmente free. Item plus: nunha certa ocasión, un grupo de estudantes intentou rebentar unha conferencia do por entón venerable Gil Robles -eran os tempos da transición- ao que este respondeu sabiamente "yo estoy aquí para decir lo que pienso. No lo que ustedes quieren que yo piense".

Sobre el autor

Antón Baamonde

(Vilalba, 1959). Profesor de filosofía, autor de ensaios e observador de todo o que nos pasa.

Archivo

julio 2014

Lun. Mar. Mie. Jue. Vie. Sáb. Dom.
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31      

El País

EDICIONES EL PAIS, S.L. - Miguel Yuste 40 – 28037 – Madrid [España] | Aviso Legal